lunes, 11 de mayo de 2020

Ola familias! Dámoslle a benvida a esta semana que entra cunha nova remesa de actividades. Comezamos!

Lembrades que hai uns días estivemos xogando un pouquiño cos números? Pois para hoxe, temos preparadas máis propostas de lóxico-matemática. Prestade moita atención...




Para nenos/as de 3 anos: 

Que materiais precisamos?

- 6 vasiños de cartón ou plástico e 21 pompóns, botóns ou algo semellante.

En que consiste o xogo? 

- Decoramos libremente cada vasiño con gomets, pintando con rotulador ou como máis vos guste.

- Coa axuda dun adulto, escribimos un número do 1 ao 6 en cada vasiño dun tamaño suficiente para que sexa visible.

- Ímos colocando en cada vasiño tantos pompóns ou botóns como indica o número do vaso. Proba se queres a facelo cunha culler ou pinzas.

- Agora, escolle un número. Cal é? Podes buscar un maior? E un menor?. Repite as veces que queiras.

- Agora, escolle dous números. Cal é maior? Cal é menor? 

- Intenta ordenar todos os números.



Para nenos/as de 4 anos:

Que materiais precisamos?

- 6 vasiños de cartón ou plástico e unha plantilla na que debuxemos o contorno de cada vasiño. Dentro de cada un dos circulos, pegaremos diferentes cantidades de gomets, dende 1 ata  6.

En que consiste o xogo?

- Decoramos libremente cada vasiño con gomets, pintando con rotulador ou como máis vos guste.

- Coa axuda dun adulto, escribimos un número do 1 ao 6 en cada vasiño dun tamaño suficiente para que sexa visible.

- Ímos experimentar con eles. Cal é o número maior? E o menor? Escolle un número, podes buscar o anterior? E o posterior? Podes ordenar todos os vasiños?

- Agora, elaboramos a plantilla, tal e como se indica na primeira imaxe. Colocamos os vasiños enriba do número de puntiños que hai en cada circulo, tal e como podes ver na marxe inferior dereita da segunda imaxe.









Para nenos/as de 5 anos: 

Que materiais precisamos?

- 6 vasiños de cartón ou plástico e varias plantillas (podedes imprimir as que aparecen a continuación da primeira imaxe)

En que consiste o xogo?

- Decoramos cada vasiño cun número determinado de gomets, dende o 1 ata o 6 respectivamente.

- Ímos experimentar con eles. Cal é o número maior? E o menor? Escollemos un número, poderías buscar o anterior? E o posterior? Podes ordenar todos os vasiños? Fai sumas con eles.

- Agora, colle as plantillas e trata de colocar os vasiños na mesma posición na que aparecen na túa plantilla, tal e como podes ver na marxe inferior dereita da última imaxe.

E despois de darlle voltas aos números, ímos facer un xogo de retos! Animádesvos? Pois...que rode o dado!







Que materiais precisamos? 

- O taboleiro do xogo que aparece na primeira imaxe e que podedes imprimir ou debuxalo nun folio ou cartolina.

- Un dado e unha ficha por cada xogador (fichas de parchís, garavanzos, lentellas...)

En que consiste o xogo?

- Colocamos as fichas de cada xogador na "Saída". Rodamos o dado e ao primeiro/a que lle sae o "5" comeza a xogar. Volve rodar e avanza tantas casas como lle marca o número que lle saiu no dado. Realizamos todos os retos que nos toca facer segundo a casa na que caemos e gaña o primeiro/a que chegue á meta.

Que retos nos poden tocar?

- O GLOBO: neste reto, teremos que levar un globo por toda a casa manténdoo no aire con dous rolos depapel de cociña. O globo non se pode tocar coas mans.

- DEBUXO ABSTRACTO/ PINTAR UN CADRO:  se caemos nesta casa, podemos escoller entre facer un debuxo abstracto ou pintar un cadro. O debuxo abstracto consiste en engurrar unha folla de papel, estirala de novo e colorear os espazos que quedan. Se escolles a opción de pintar un cadro, podes probar a facer algún dun artista italiano.

- DEGUSTACIÓN: sentamos na mesa e tapamos os ollos cun pano. Os outros xogadores teñen que darnos a probar cousas da cociña e temos que adiviñar de que alimento se trata.

- BATER UN OVO: este reto consiste en aguantar o maior tempo posible batendo un ovo sen parar.

Coma sempre, esperamos que vos gusten moito estas propostas. As profes facémolas con todo o amor do mundo para vós!

Un biquiño ENORME e unha aperta aínda máis GRANDE. 










No hay comentarios:

Publicar un comentario