jueves, 30 de abril de 2020

Bo día familias!!

Como cada xoves, traemos unha proposta relacionada cos contos, ese momento que tanto nos gusta. Hoxe, traémosvos un conto proposto por Jacobo, o noso compi, relacionado coa situación que estamos a vivir e adaptado tamén a pictogramas para facilitar a súa lectura, e con preguntas para traballar a comprensión do mesmo.

Aquí vos deixamos o enlace ao conto, só tedes que facer clic no título para acceder a el:

Despois da súa lectura, propoñémosvos as seguintes actividades, esperamos que vos gusten...





E como actividade final, animámosvos a facer este experimento que seguro que vos trae moi bos recordos do cole, pois xa o fixemos varias veces e nos encantaba, así que propoñémosvos facer PINTURA 3D!! 

Atentos ao material que precisamos e...a deixar voar a vosa creatividade!!


Precisamos:
  • Espuma de afeitar.
  • Cola branca.
  • Fariña de millo (maizena).
  • Pintura acrílica, témpera ou colorante alimentario.
  • Recipiente, culleres e vasos de desfeito.



Elaboración:
  • Enchemos un vaso de desfeito con espuma de afeitar e transvasámolo a un recipiente.
  • No mesmo recipiente, mesturamos un vaso de cola branca e engadimos tamén unha culler de maizena.
  • Agora, transvasamos esta mestura a varios vasos de desfeito, poñemos unha cor diferente en cada un empregando colorante alimentario, témpera ou pintura acrílica.



E, por último, vertemos a pintura en botes dosificadores ou ben nunha bolsa de plástico á que lle faremos un burato nunha das puntas e que empregaremos como se fose unha bolsa de pastelería.

Se queredes, podedes ver o titorial na seguinte dirección: https://www.youtube.com/watch?v=5uNNkMZgcF0 

Agardamos que vos gusten as propostas de hoxe...e vémonos o luns con novas ideas!!! 

Non vos esquezades de compartir con nós os vosos traballos, moitos bicos e saúdos a todos e a todas.

Botámosvos moito de menos!!! 




lunes, 27 de abril de 2020


Ola de novo nenos/as e familias!

Esta vez, ímos dar comezo á semana cun video no que os protagonistas aparecen convertidos en personaxes dos nosos contos preferidos! Estades desexando velo verdade? Ollade...



Ademáis, os protagonistas deste video fixeron uns marcadores chulísimos que ben seguro empregarán na lectura de todos os seus contos. Por certo, falando de contos... temos que decirvos que fixestedes xenial a actividade de adiviñar os títulos. Aquí vos deixamos a solución por se algún non vos soaba...

1. "La extraña visita"
2. "Chivos, chivóns"
3. "Mariluz avestruz"
4. "A cebra Camila"
5. "Corre, corre cabaciña"
6. "Daniela pirata"
7. "Cocorico"
8. "O galo Quirico"
9. "La ovejita que vino a cenar"
10. "Un hipopótamo en la bañera"

E agora, que vos parece se xogamos un pouco cos números? Atentos/as ás propostas...


Para nenos/as de 3 anos:

- Observamos a recta numérica e sinalamos o número que se corresponde coa nosa idade.

- Buscamos nas fichas de dominó a que se corresponde co número sinalado.

- Pensamos cantos puntos teremos que debuxar no outro lado da ficha para que sume o número buscado.

Para nenos/as de 4 anos:


- Observamos a recta numérica e sinalamos o número que se corresponde coa nosa idade.

- Buscamos nas fichas de dominó cal é a que se corresponde co número sinalado.

- Pensamos cantos puntos teremos que debuxar no outro lado da ficha para que sume o número buscado.

Para nenos/as de 5 anos:


- Observamos a recta numérica e sinalamos o número que se corresponde coa nosa idade.

- Pensamos cantos puntos teremos que debuxar no outro lado da ficha para que sume o número buscado.

- Seguimos contando e pensando cantos puntiños debemos colocar no outro lado da ficha para sumar a cantidade que se nos indica.

E despois de tanto pensar, propoñémosvos unha actividade de grafismo creativo que ben seguro vos encantará...


Para nenos/as de 3 anos:

- Escolle un papel en branco e moitas pegatinas de cores, pégaas libremente por todo o papel.

- Agora conta cantas pegatinas tes de cada cor, de cal tes máis? e menos?

- Ímos facer un sol con cada pegatina! Colle un rotulador da cor de cada pegatina e traza raias en todas as direccións. Quedouvos parecido ao da imaxe?

- Podedes facer o mesmo debuxando circulos concéntricos co rotulador.

- Agora fai a túa propia creación poñéndolle o teu nome.



Para nenos/as de 4 anos:

- Escolle un papel en branco e moitas pegatinas de cores, pégaas libremente por todo o papel.

- Agora, debes unir entre sí cun rotulador todas as que sexan da mesma cor, cantas hai de cada unha? Podes escribir o número de pegatinas de cada cor.

- Colle outro papel en branco, pega unha pegatina no centro e unha en cada esquina. Fai circulos concéntricos ao redor de cada unha das pegatinas da esquina  e úneas con liñas á que está no centro... que tal o resultado?

- Fai a túa propia creación e ponlle o teu nome.


Para nenos/as de 5 anos:

- Escolle un papel en branco, varios rotuladores e pegatinas de cores. Agora, divide o papel en catro partes.

- Nunha das partes, coloca unha pegatina no centro e traza espirais arredor dela.

- Noutra das partes, coloca unha pegatina no centro e varias esparcidas. Une a pegatina do centro con cada unha das colocadas aleatoriamente para formar unha flor.

- Noutra das partes, pega pegatinas unhas ao carón das outras e logo co rotulador traza liñas entre as pegatinas.

- Na última parte, pega pegatinas aleatoriamente e decóraas creando as figuras que máis che gusten. Non esquezas poñer o teu nome.

Ademáis destas propostas, tamén queremos informarvos de que na páxina web do cole, tedes acceso ao blog da profe Vanesa (teacher) https://funnyenglishforyou.blogspot.com/, no que podedes ver contos e cancións en inglés e tamén tedes un enlace https://drive.google.com/open?id=15unXKNNvD5gJhA4cY1e3gJEkti5_jVS_ para ver as actividades de educación física que vos propón a profe Marián.

Por outra parte, o concello ten habilitado un servizo de impresión para aquelas familias que desexen imprimir algún material. Correo: tarefasescolarespastoriza@gmail.com

No caso daquelas familias que aínda non dispoñades da aplicación abalarMóbil, deixamos unha guía de instalación para que podades facer uso dela e vos cheguen, deste xeito, os avisos e notificacións que enviamos dende o cole.


E isto é todo por hoxe familias! Voltamos o xoves con máis propostas para vós!

Un biquiño enorme! E xa sabedes, vémonos en breve! #euquedonacasa#todosairáben


jueves, 23 de abril de 2020

MOI FELIZ DÍA DO LIBRO A TODOS E A TODAS!!!!

Como cada xoves, nenos e nenas (e tamén as profes) o vivimos con especial ilusión porque é o día do conto, e hoxe máis que nunca que ademais temos que celebrar o DÍA DO LIBRO!!

Por iso, vos traemos uns retos e actividades un pouquiño especial, e que esperamos que vos gusten moito!!

Aí vai o primeiro reto...as profes caracterizámonos como as portadas de contos que nos gustan moito, seguro que moitos de vós recoñecedes de que contos se tratan... 



Agora queremos animarvos a que vos tamén fagades o mesmo, escollades un conto que vos guste moito e o intentedes representar, sacar unha foto e compartila con nós a través do correo...con todas as fotos faremos unha montaxe para subir aquí ao blog, será moi divertido!

Pero isto non remata aquí...sabemos que estades feitos uns expertos lectores e que coñecedes un montón de contos, así que...imos xogar ás adiviñas! Mostrámosvos unha imaxe de diferentes contos que temos na aula para que tratedes de adiviñar de que conto se trata...podedes escribirnos un comentario no blog ou no correo co número de cada imaxe e ao seu carón o conto que credes que corresponde coa imaxe...MOITA SORTE!











Pero isto non remata aquí...que sería dun día do libro sen un MARCAPÁXINAS?? Aquí vos deixamos algúns modelos para que escollades e fagades o que máis vos guste...Tamén vos deixamos a imaxe en maior tamaño por se queredes imprimir.







Isto é todo por hoxe...non vos esquezades de ler o voso CONTO FAVORITO!! Moitos biquiños e agardamos que vos gusten e que disfrutedes destas actividades!!

PD.: Se hai algunha familia que non ten a aplicación de Abalar Móbil e/ou non lle chegan as notificacións (boletín de notas, informacións...) rogamos que nolo fagan saber a través dun correo electrónico, para poder enviárvolas por outra vía, moitas grazas de antemán.

Botámosvos moito de menos! #todovaisaírben #euquedonacasa

lunes, 20 de abril de 2020

Ola familias! Dámoslle a benvida a outra semana con novas propostas!

Para comezar, ímos facer un repaso de vocabulario e conceptos básicos que estivemos a traballar no cole durante o primeiro e segundo trimestre.


VOCABULARIO DE CORES

Para os nenos/as de 3 anos: identifica as cores que hai na imaxe, selecciona unha que che indiquen e busca esa cor en diferentes elementos que teñas pola casa.

Para nenos/as de 4 anos: identifica as cores que hai na imaxe e trata de buscar outras que non aparecen na imaxe.

Para os nenos/as de 5 anos: identifica as cores e a letra pola que comeza cada unha delas. Trata de descubrir outras que non aparecen na imaxe e escríbeas.


VOCABULARIO DE ANIMAIS

Para os nenos/as de 3 anos: expresa oralmente o nome dos animais que ves na imaxe e pensa outros que coñeces. Agora responde... cales dos animais que aparecen na imaxe teñen pelo? E plumas?

Para os nenos/as de 4 anos: expresa oralmente o nome dos animais que ves na imaxe e pensa noutros que coñeces, poderías dicir cales destes animais se desprazan pola terra e cales polo aire?. Poderías pensar noutros animais acuáticos?

Para os nenos/as de 5 anos: expresa oralmente o nome dos animais que ves na imaxe e logo pensa noutros que coñeces. Podes facer un listado destes animais diferenciando entre os que se desprazan pola terra, polo aire e pola auga.


VOCABULARIO DOS MEDIOS DE TRANSPORTE

Para nenos/as de 3 anos: seguro que coñeces todos os medios de transporte que aparecen na imaxe, podes expresar oralmente cada un dos nomes? Coa axuda dun adulto/a, escolle dous medios de transporte e trata de descubrir que palabra é máis longa e cal é máis curta.

Para nenos/as de 4 anos: expresa oralmente o nome de todos os medios de transporte que ves na imaxe e, se lembras algún máis, menciónao. Escolle un terrestre, un aéreo e un acuático e trata de escribilo.

Para nenos/as de 5 anos: poderías escribir todos os nomes dos medios de transporte que ves na imaxe? Agora rodea cun circulo aqueles medios de transporte nos que viaxache algunha vez.


VOCABULARIO DAS PROFESIÓNS

Para nenos/as de 3 anos: estamos seguras de que todas estas profesións son coñecidas para ti, poderías expresar oralmente o seu nome? Pensa nalgunha outra que coñezas. Agora, anímamoste a que trates de escribir o teu nome e, ao carón, a profesión que che gustaría ser de maior.

Para nenos/s de 4 anos: poderías expresar oralmente o nome de todas as profesións que ves na imaxe? E un utensilio que emprega cada un destes profesionais? Agora podes animarte a escribir o teu nome, a profesión que che gustaría ser de maior e un utensilio que precisarías para realizar o teu traballo.

Para nenos/as de 5 anos: poderías expresar oralmente e escribir o nome de todas as profesións que ves na imaxe? Agora podes escribir ao seu carón o número de sílabas e/ou letras que ten cada unha delas.


VOCABULARIO DAS COMIDAS

Para nenos/as de 3 anos: identifica todas as comidas que aparecen na imaxe, clasifícaas en función de se che gustan moito, regular ou pouco. Podes tratar de escribir a túa comida favorita.

Para nenos/as de 4 anos: identifica todas as comidas que aparecen na imaxe, clasifícaas en función de se che gustan moito, regular ou pouco. Podes escribir aquelas que che gustan "moito".

Para nenos/as de 5 anos: identifica todas as comidas que ves na imaxe e logo, empregando estas ou outras, fai unha proposta e escribe a comida que máis che gusta para o almorzo, o xantar e a cea.

Xa sabedes, que da proposta de actividades, podedes facer as modificacións e adaptacións que queirades.

Agora, despois de facer este repaso de vocabulario ímos a probar a facer unhas manualidades.

Como ben sabedes, uns días despois de ter que cumprir coa obriga de estar nas nosas casas, comezou unha nova estación que a case todos/as nos encanta; a PRIMAVERA. Unha estación que inxecta moito ánimo ao vernos rodeados/as de flores, bolboretas, xoaniñas e outros bechiños que, acochados durante o inverno, deciden sair á luz. 

Por iso, e xa contando os días para poder sair a disfrutar de todo o que nos brinda a natureza, propoñémosvos facer unhas manualidades para darlle unha boa benvida a esta estación. Prestade moita atención...


A primeira manualidade que vos propoñemos consiste en facer estampas con patacas.
Materias que precisamos: patacas, témperas de cores, pincel e cartolina ou folio.
Elaboración: para facer o deseño de flores, crearemos un selo cortando a pataca á metade e facéndolle forma de triángulos. Despois, mollamos o selo na témpera ou ben a pintamos cun pincel. O derradeiro paso será estampar o selo no folio ou cartulina facendo tantas flores como queiramos.


A seguinte manualidade, convídavos a decorar cuncas de ovo transformándoas en flores.
Materiais que precisamos: cuncas de ovo, tesoiras, témpera, pincel, pegamento, palliña.

Elaboración: cortamos as cuncas de ovo de forma que quede en catro pezas. Despois, pintámola mesturando diferentes cores, pegamos unha palliña na parte posterior para o talo e, finalmente, para o pistilo podemos empregar un pompón, un tapón deplástico ou calquera outro elemento que teñamos pola casa.



Na derradeira manualidade, ímos empregar como material un elemento que traballamos durante a nosa investigación sobre a comida italiana e que tanto nos gusta; a pasta.

Materiais que precisamos: cartolina branca ou folio, cola, témpera marrón, macarróns (espiral), limpiapipas verde ou palliña.
Elaboración: sobre a cartolina ou folio pintamos un circulo de cor marrón (podemos empregar as xemas dos dedos). Despois, pegamos os macarróns  arredor semellando os pétalos e o derradeiro paso será deseñar o talo coa palliña ou limpiapipas. 

Esperamos que desfrutedes moito realizando estas actividades e, xa sabedes, vémonos en breve! #euquedonacas#todosairáben



jueves, 16 de abril de 2020

MOI BOAS A TODOS E TODAS!!

Retomamos a rutina con novas ideas para facer cos nosos nenos e nenas.

Hoxe, lembrando o que vos gustaba a todos e a todas ter a responsabilidade de ser ENCARGADOS/AS, traémosvos un material para que todos o poidades ser cada día. 

Podemos facer as tarefas imprimindo estas imaxes ou, para que vos resulte máis cómodo e doado, facendo as mesmas tarefas sobre un folio, encerado ou outro material que teñades na casa.








Outro momento da semana que nos encanta a todos é o MOMENTO DO CONTO, e hoxe suxerímosvos o conto de "Rana de tres ojos" que podedes atopar buscando en google "cuento Rana de tres ojos PDF". 

Despois da lectura do conto, propoñémosvos estas actividades:


PARA OS NENOS E NENAS DE 3 ANOS:

  • Debuxa unha rá de tres ollos e ponlle un nome. Trata de escribilo, conta cantas letras ten, pensa se é un nome longo ou curto e conta tamén as sílabas facendo palmas.
  • De todos os obxectos que aparecen no conto, busca un de cor rosa, outro de cor azul, outro de cor negra e outro de cor branca expresando oralmente o nome de cada un deles.
  • Agora, de todos os que aparecen no conto, identifica e nomea os que botarías á lata de lixo de cor amarela. Fai un pouco de memoria e pensa cales tiramos alí cando merendamos no cole.



PARA OS NENOS E NENAS DE 4 ANOS:


  • Observa a primeira páxina do conto e describe as diferencias que ves entre as tres rás que aparecen nela. Fíxate nas partes do seu corpo.
  • Escoita a canción do ciclo de vida dunha rá no seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=Mtd_jLjgq7w e expresa oralmente as diferentes etapas polas que pasa dende que nace ata que é adulta.
  • De todos os obxectos que aparecen no conto, escribe os que comezan pola letra "R", "P", "S". Conta cantos hai de cada unha e proba a contar cantos escribiche en total.


PARA OS NENOS E NENAS DE 5 ANOS:

  • Como vedes no conto, dende que a fábrica deixou de producir cousas, o medio ambiente mellorou. Visualiza este vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=_RHU-_Skk0A e reflexiona por que agora as augas de Venecia son cristalinas e ata teñen cisnes e peixes.
  • De todos os obxectos que aparecen no conto, investiga cales non debemos botar á lata de lixo verde, amarela nin azul, e deberían ir ao punto limpo. Podedes investigar no seguinte enlace: http://www.oqueseenchufareciclase.gal/osbolechas/ 
  • Agora busca un obxecto que teñas pola casa que se poda reutilizar e escribe e/ou debuxa que novo uso lle darías.


Esperamos que vos gusten as actividades, e lembrade que estaríamos encantadas de que compartirades connosco as actividades a través do correo electrónico: aulainfantilsalvador@gmail.com 

Moitos bicos e abrazos para todos e todas, botámosvos moito de menos!!