jueves, 18 de junio de 2020

Boas de novo familias!! 

Como esta semana sería moi especial no cole, hoxe traemos unhas propostas de actividades un chisco diferentes... 

A primeira delas, e para que non vos esquezades de nós, é un xogo de BUSCAR AS DIFERENZAS a partir de fotos das profes! Precisades as vosas gafas de espía e a fixarse moi ben nestas imaxes...que vedes na imaxe da dereita que non está na esquerda??? 



Para os NENOS E NENAS DE TRES ANOS soamente tedes que atopar catro elementos, observade atentamente e...seguro que os descubrides todos!



Para os NENOS E NENAS DE CATRO ANOS, temos que atopar cinco diferenzas, seguro que todos e todas o conseguides!! 



Para os NENOS E NENAS DE CINCO ANOS...un pouquichiño máis complicado, debedes atopar sete diferenzas! Ollade ben as imaxes...

Se vos animades, tamén podedes facer vós mesmos o reto a partir dunha foto vosa, engadindo diferentes elementos nunha nova imaxe... Se o facedes, non dubidedes en compartir connosco para que as profes tamén poidamos xogar a BUSCAR AS DIFERENZAS!

E como actividade final e para dar a benvida ao verán que está a piques de comezar, ímosvos a propoñer UNS XOGOS DE AUGA con varios retos que seguro seguro os ides a desfrutar un montón! ANIMÁDESVOS A PROBALOS TODOS? 




O primeiro xogo consiste en facer TRANSVASES CON ESPONXAS! Agora que aínda estades a tempo...recomendámosvos poñer un bañador! 

Precisamos dous barreños, un con auga e outro baleiro e que deben estar a unha certa distancia. Agora, cunha esponxa, debedes empapala no primeiro barreño e transvasar a auga ao segundo, tratando de perder a mínima cantidade de auga posible.




O segundo reto consiste en PESCAR AS CUNCAS. O primeiro que debedes facer é elaborar as vosas canas de pescar cun pao ao que lle ataremos un cordón e un "clip" a modo de anzol. 

Logo, encheremos un balde de auga e introduciremos nel unhas cuncas de plástico (xa que pesan pouco e isto facilítanos o xogo). 

A continuación, collemos a nosa cana e, ao sinal dun adulto, comezamos a pescar as cuncas! Pon a proba a túa motricidade fina e verás cantas es quen de pescar!


O seguinte reto consiste en PASAR AUGA AO/A NOSO/A COMPAÑEIRO/A! 

Precisamos un bol para cada xogador e auga. 

Colocarémonos todos en fila mirando na mesma dirección, o primeiro xogador terá o bol cheo de auga e deberá pasar (por detrás da cabeza, sen mirar) a auga ao bol do compañeiro/a que ten detrás, procurando non quedarse sen auga!




Este reto consiste en facer SERPES CON BURBULLAS DE XABÓN!

Para este xogo precisamos unha botella de plástico co fondo cortado e unha peza de toalla posta sobre o burato e sostida por un elástico.

Mollando a punta da toalla en auga xabonosa, ao soprar polo pico da botella sairá esta espectacular serpe de xabón súper divertida! Proba a botar colorante na auga e verás como sae de moitas cores!



Continuamos...agora debemos gardar as mans e XOGAR SOAMENTE COS PÉS!

Que precisamos? Dous barreños (os que empregamos para o primeiro xogo) e varios globos de auga, que colocaremos todos xuntos no primeiro barreño).

Os barreños deben estar colocados un ao carón do outro, e debedes transvasar os globos tocándoos unicamente cos pés, e procurando non rompelos! Sorte!



Este reto recibe o nome de BARCOS ESVARADÍOS! 

Para levalo a cabo, precisamos medio tubo grande de plástico dos que se empregan para escorrer a auga e algúns xabóns. 

Para elaborar os barcos, só temos que colocar unha vela ás barras de xabón (podemos facelas de papel e decoralas como máis nos guste).

Despois, pegamos as velas nun escarvadentes que, posteriormente, cravaremos nas barras de xabón. E xa temos os nosos barcos feitos!

Agora, mollamos o tubo e poñemos a esvarar os nosos barcos, será unha carreira moi divertida e refrescante!


ABAIXO A TORRE! É o seguinte reto que propoñemos, para o cal precisamos 10 vasiños de desfeito e unha pistola de auga (se non temos, podemos facelo con globos).

En que consiste o xogo? Debemos colocar os dez vasiños formando unha torre (como podes ver na imaxe), logo colocámonos a unha distancia prudencial e deberemos lanzar coa pistola ou ben cos globos, tratando de derrubar a torre de vasiños.




O seguinte reto consiste en facer XEADOS DE XIZ. 

Para elo, precisamos: XESO, AUGA, VASOS DE DESFEITO, PAOS DE XEADO, UNHA CUNCA PARA MESTURAR E UNHA CULLER.

O procedemento é o seguinte:

  1. Mesturamos nunha cunca auga cunhas gotas de pintura ou colorante alimentario. Agrégalle cor ata que teñas unha tonalidade un pouco máis escura da que desexas, xa que o xiz aclara ao secar.
  2. Coa culler, remove a mestura ata que a cor esté ben disolta.
  3. Cando teñas a cor desexada, engade o xeso segundo as porcións que indica o reverso do envase. Agrega pouco a pouco ata obter unha pasta homoxénea.
  4. Cando teñas a mestura, enche os vasos coa culler.
  5. Finalmente, coloca un dos paos no centro do vaso para facer os xeados.
  6. Deixa secar, retira o vaso e...a pintar!

E por último, deixámosvos aquí un experimento para facer SLIME!


Tan só precisamos: UN RECIPIENTE E UNHA CULLER SOPEIRA, COLA BRANCA, ESPUMA DE AFEITAR, LÍQUIDO PARA LENTILLAS, COLORANTE ALIMENTARIO (OU PINTURA ACRÍLICA) e, se queremos darlle un toque de brilli brilli, PURPURINA!

Para elaboralo, seguiremos os seguintes pasos:

  1. Botamos no recipiente tres culleres de cola branca.
  2. Engadimos espuma de afeitar (ata cubrir a cola) e mesturamos.
  3. Engadimos 6 culleres de líquido de lentillas.
  4. Botamos colorante alimentario ou pintura acrílica da cor que queiramos.
  5. Podemos engadir un pouco de purpurina.
  6. Mesturamos todo con moitas ganas e...A XOGAR!


E con estas propostas, damos a benvida ás vacacións de verán, que tanto nenos e nenas como familias tedes máis que merecidas! Pero non queriamos rematar sen darvos as grazas ás familias pola vosa implicación e compromiso e felicitarvos unha vez máis pola vosa labor durante a ausencia ao cole.

E aos nosos NENOS E NENAS, que dicir...que non podemos sentirnos máis orgullosas de vós e que estamos desexando darvos unha APERTA BEN AGARIMOSA e seguir aprendendo e disfrutando todos xuntos!

Aquí seguiremos, á vosa disposición para o que precisedes, MOITOS BICOS E APERTAS PARA OS NENOS E NENAS E AS SÚAS FAMILIAS!!!

Queremos aproveitar tamén para cantar un FELIZ CUMPLE moi grande para todos OS NOSOS NENOS E NENAS que están de celebración este mes de xuño que son DIEGO G. CHAÍN E LINA, os peques que cumpren anos en xullo que son MATEO, TIAGO, LUCAS F., MARA E SAÚL, e tamén para os que soprarán velas en agosto que son JOEL, MIGUEL, LAURA E YERAY!!!! Esta CANCIÓN vai dedicada a todas e todos vós!! Desexámosvos que pasedes un día marabilloso, e estamos agardando para soplar as velas con vós no cole en setembro!! QUERÉMOSVOS!!!

DESFRUTADE DO VERÁN, AQUÍ VOS AGARDAMOS COS BRAZOS ABERTOS!!!!!


domingo, 14 de junio de 2020

Ola familias!  Queremos darvos de novo a benvida ao noso blog neste derradeiro luns do curso escolar. 

E xa que estamos a piques de rematar este curso tan diferente para todos/as, ímos propoñervos unhas actividades para que pasedes un ratiño do máis divertido. 

Para comezar, aos nenos e nenas de tres anos, ímoslles propoñer un xogo de observación...





Temos que observar a tira de imaxes que hai na parte superior de cada imaxe, dicir o que é e describir cada imaxe . Logo taparemos a tira de imaxes de arriba e, na de abaixo, debemos tratar de descubrir que é o que falta.

Para os nenos/as de catro anos, ímos propoñervos facer un sudoku. O "SUDOKU" é un xogo no que ímos a ter unha táboa de 3x3 e ímos a ter tres elementos para colocar. Estes elementos non poden repetirse na mesma liña en horizontal nin en vertical.

Atrevédesvos? Na seguinte imaxe terás os elementos do sudoku para recortar e, nas seguintes, un sudoku resolto a modo de exemplo. Logo tes outros para facer ti mesmo/a!




E para os nenos/as de cinco anos, propoñemos facer outro sudoku cambiando a cuadrícula, que neste caso será 4x4, e os elementos do xogo, non podendo repetir o elemento en toda a liña vertical, horizontal nin en todo o conxunto de catro recadros . Na seguinte imaxe, tedes estes elementos para recortar e, nas seguintes, un sudoku resolto a modo de exemplo. Tamén tes outros para facer ti mesmo!






Como o verán é tempo de xogos, ímos a propoñervos uns xogos DIY ("DO IT YOURSELF" ou o que é igual, "faino ti mesmo") a ver se vos lembran a algún que facemos no cole.

Para os nenos/as de tres anos:



ATRAPA AS ABELLAS!: Coa axuda dun adulto, elaboramos abellas de diferentes cores similares ás que vedes na imaxe con materiais que teñades pola casa (fieltro, papel, cartolina...). Tamén podemos elaborar as "mans cazadoras" cos mesmos materiais, ou ben empregar un matamoscas, como o faciamos na clase. Lembrádesvos?

Unha vez elaborado o material, o xogo consistirá en ir cazando as abellas da cor que nos diga un neno/a maior ou un adulto empregando para isto a "man cazadora" ou o matamoscas. Xa sabedes que cantas máis consigades cazar moito mellor! Ánimo!

Para os nenos/as de catro anos:





POÑEMOS A  PROBA A NOSA MEMORIA!: Se o precisamos, coa axuda dun adulto, recortamos as tarxetas do "memory". Despois, podemos pegalas en cartolina para que nos duren máis tempo e poder así xogar moitas máis veces.

Unha vez que teñamos as tarxetas listas, o xogo consiste en colocalas aleatoriamente en filas boca abaixo e ir destapándoas por parellas. Se destapamos dúas que son iguais, quédamonos coas tarxetas, senón, volvemos colocalas no seu sitio e esperamos o noso turno para intentalo de novo. Cantas máis parellas consigamos descubrir moito mellor! Ánimo!

Para os nenos/as de cinco anos:



XOGAMOS AO TRES EN RAIA!: Para facer este xogo, ímos precisar un cartón dividido en tres partes iguais, en vertical e en horizontal, formando unha cuadrícula de nove espazos e fichas que podemos elaborar ao noso gusto. Podemos facelas con tapóns de plástico e decoralas, ou ben podemos facelas con calquera outro material e motivo (exemplos: pantasmas de fieltro, cantos rodados decorados, fichas de parchís...). Lembrade decorar as fichas de cada xogador/a, neste caso serán dous, de forma distinta.

Unha vez elaborado este material, por turnos, cada xogador/a debe colocar as súas fichas intentando facer unha liña vertical, horizontal ou diagonal. Se así vos é complicado, podedes xogar só a facer liñas verticais ou horizontais. 

Cando todos os espazos estén cubertos remata a partida, que pode ser cun gañador/a ou ben cun empate. Ánimo e, sobre todo, atención!

Coma sempre, esperamos que o pasedes xenial con estas propostas! E agora sí! Vémonos en breve familias!!!!!! Canto tardaba este momento!!!!!
















miércoles, 10 de junio de 2020

Bo xoves a todas e a todos!!

Aquí estamos cun novo conto para que non perdamos as boas costumes! O conto de hoxe titúlase PÁJARO AMARILLO e no propio título teredes o enlace ao mesmo, para poder visualizalo e logo realizar as actividades que vos suxerimos:


Para os NENOS E NENAS DE TRES ANOS:

  • Observa os diferentes ovos que aparecen na primeira páxina do conto e clasifícaos segundo o seu tamaño. Cantos hai grandes? E pequenos?
  • Agora, na seguinte páxina, observa as diferentes especies de paxaros. Coa axuda dun adulto, lede os seus nomes e anímate a expresalos ti en voz alta.
  • Lémbraste de "Pétala"? Era unha pomba. Busca ti agora outros paxaros que aparecen neste conto e que comecen pola letra "P".
  • Que cousas conseguía arranxar "Paxaro amarelo" coas súas ás? Expresa oralmente o nome de cada un destes obxectos.



Para os NENOS E NENAS DE CATRO ANOS:

  • Clasifica os ovos que aparecen na primeira páxina do conto segundo sexan  grandes, medianos ou pequenos. Cantos hai de cada tamaño?
  • Observa as diferentes especies de paxaros que aparecen na seguinte páxina do conto e intenta escribir todos os que comezan pola letra "P".
  • Agora fíxate no tamaño dos paxaros. Atréveste a clasificalos do máis grande ao máis pequeno ,colocando ao carón o número ordinal correspondente?
  • Inventa ti algún obxecto que che permita voar. Expresa oralmente a onde irías e con quen compartirías o teu obxecto voador.



Para os NENOS E NENAS DE CINCO ANOS:

  • Observa os ovos que aparecen na primeira páxina do conto. Poderías facer unha estimación e ordenalos de maior a menor segundo o seu tamaño? E á inversa?
  • Agora, observa a seguinte páxina do conto e escribe o nome dos dous paxaros que vexas máis grandes. Deses dous, cal che parece que iría de primeiro se tiveras que ordealos alfabeticamente? Se o precisas, podes mirar a orde das letras nun abecedario.
  • Unha postal é unha tarxeta ilustrada de cartón con forma rectangular na que se pode escribir e enviala sen necesidade de empregar un sobre. Inventa ti un deseño para unha postal e escribe nela o que che gustaría contarlle aos teus amigos se puideses voar a algún sitio descoñecido.
Agardamos que vos guste o conto e as actividades propostas... Pero isto non é todo, aquí vos traemos un xogo relacionado co alfabeto. Animádesvos?


Observa este alfabeto e repara nas imaxes situadas ao carón de cada letra, coñécelas todas? Que letras coñeces?


Agora, aos nenos e nenas de tres anos propoñémosvos observar estas imaxes e descubrir a letra pola que comeza cada unha delas... se non o lembras, podes volver a visualizar a imaxe anterior.
Coa axuda dun adulto, animámosvos a compoñer o teu nome coas imaxes.


Aos nenos e nenas de catro anos poñémosvos varias imaxes para que descubrades a letra pola que comezan e, tamén coa axuda dun adulto, animádevos a construír coas imaxes o voso propio nome.


E para os nenos e nenas de cinco anos, seríades capaces de descubrir as dúas palabras escondidas? Tedes que recoñecer a inicial pola que comeza cada imaxe e logo, xuntalas todas para descubrir a palabra. Coñécelas? Tamén vos animamos a que elaboredes o voso propio nome coas imaxes.

Desexamos que disfrutedes moito moito coas actividades, e as profes seguiremos agardando ver os vosos resultados con moita ilusión e felicitarvos polo voso traballo! 

Moitos moitos bicos, querémosvos ata a Lúa e volta!

Aproveitamos para lembrarvos que a semana que vén recibirémosvos no cole para entregar o material dos nenos e nenas:


  • LUNS 15 (10 - 13 H) agardamos ás familias dos NENOS E NENAS DE CATRO ANOS.
  • MARTES 16 (10 - 13H) agardamos ás familias dos NENOS E NENAS DE TRES ANOS.
  • MÉRCORES 17 (10 - 13H) agardamos ás familias dos NENOS E NENAS DE CINCO ANOS.
Precisamos que nos traiades de volta os contos de préstamo que levaron os nenos e nenas, moitas grazas de antemán!



lunes, 8 de junio de 2020

Benvidas un luns máis familias!

Ímos dedicar este primeiro día da semana a facer experimentos e mergullarnos nas cores e nas texturas, que vos parece?


Comezamos experimentando coas cores e... para isto, que precisamos?

- 7 vasos transparentes de desfeito.

- 6 cadradiños de rolo de cociña.

- Pintura mesturada con auga de cores azul, amarelo e vermello.

E con estes materiais, que facemos?

- Colocamos todos os vasos un ao carón do outro.

- Colocamos no 1º vaso auga con pintura de cor vermella. Deixamos o 2º baleiro. No 3º auga con pintura de cor azul. Deixamos o 4º baleiro. No 5º auga con pintura de cor amarela. Deixamos o 6º baleiro e no 7º auga con pintura de cor vermella.

- Enrolamos un cadrado de rolo de cociña e colocámolo unindo cada vasiño co seguinte e...agardamos.


- Agora podes darlle vida á túa obra de arte a partir dun anaco de pintura. Podes poñerlle ollos (empregando pompóns, botóns, ollos móbiles). Debuxar boca, nariz, orellas. Inventar un corpo, rabo...todo o que se che ocorra convertindo un debuxo abstracto nunha figura animada. Podes facer unha creación super divertida. Anímate  a compartila con nós!


- Agora toca pintar co resultado do experimento. Coa axuda dun adulto, metemos o líquido de cada vasiño dentro dun globo de auga.

- Colocamos unha cartolina, lenzo ou papel en branco nunha zona exterior e colocamos os globos.

- Despois, collemos un garfo ou calquera outro obxecto con punta (sempre supervisado por un adulto!) e explotamos os globos decorando a nosa obra de arte.


E que máis podemos facer? 

Para os nenos/as de tres anos: 

- Escribe o teu nome na obra de arte e inventa un nome para o cadro.

- Podes dicir que cor che saíu ao mesturar vermello e azul? E azul e amarelo? E amarelo e vermello?

- Verbaliza os materiais que empregache.

Para os nenos/as de catro anos:

- Escribe o teu nome na obra de arte e inventa e escribe un nome para o cadro.

- Podes dicir que cor che saíu ao mesturar vermello e azul? E azul e amarelo? E amarelo e vermello? Escríbeo.

- Verbaliza e escribe os materiais que empregache.

Para os nenos/as de cinco anos:

- Escribe o teu nome na obra de arte e inventa e escribe un nome para o cadro.

- Escribe o proceso que levache a cabo para facer o experimento.

- Podes dicir que cor che saíu ao mesturar vermello e azul? E azul e amarelo? E amarelo e vermello? Escríbeo.

Agora é o turno de experimentar coas texturas ás que xa sabedes que sempre lles podemos engadir cor. Nesta ocasión, ímos facer area máxica tamén coñecida como area cinética que, sen dúbida, nos vai transportar a unha estación que estamos a piques de comezar, o verán!


Que materiais precisamos? 

- Fariña.

- Aceite de xirasol.

- Colorantes alimentarios.

- Unha culler grande.

- Un recipiente.

- Pratos de desfeito.

- Guantes de látex.

- Caixa de reciclaxe.


Como a elaboramos? 

1º No recipiente, botamos oito culleradas de fariña e dúas de aceite de xirasol.

2º Removemos coa culler ata que quede todo ben mesturado. É mellor lavar ben as mans e rematar de manipular a mestura con elas. Se queda un pouco seca, engadimos máis aceite e mesturamos outra vez. Se, pola contra, queda aceitosa botamos máis fariña.

3º Como sabemos cando está lista? Unha vez que teñamos a sensación de ter area húmida nas mans significa que a nosa mestura está perfecta.

4º Se queremos darlle cor, debemos repartir a area nos diferentes pratos de desfeito.

5º Poñemos os guantes de látex (un par por cada cor) e mesturamos a area co colorante alimentario.


E agora que está lista, que podemos facer con ela?

- Manipulala e desfrutar da súa textura.

- Empregar moldes e facer diferentes figuras con ela.

- Facer figuras sen molde deixando voar a nosa imaxinación.

- Escribir números, letras ou trazos sobre ela, empregando como base unha bandexa ou caixa de reciclaxe.


- Tamén podes coller unha cartolina e facer unha creación empregando a area, como podes ver nos exemplos da imaxe.

Como cada luns, esperamos que pasedes un ratiño agradable realizando estas actividades que as profes elaboramos para vós con todo o agarimo do mundo! Enviámosvos moitos biquiños de cores e  texturas. Querémosvos de aquí á lúa!