lunes, 8 de junio de 2020

Benvidas un luns máis familias!

Ímos dedicar este primeiro día da semana a facer experimentos e mergullarnos nas cores e nas texturas, que vos parece?


Comezamos experimentando coas cores e... para isto, que precisamos?

- 7 vasos transparentes de desfeito.

- 6 cadradiños de rolo de cociña.

- Pintura mesturada con auga de cores azul, amarelo e vermello.

E con estes materiais, que facemos?

- Colocamos todos os vasos un ao carón do outro.

- Colocamos no 1º vaso auga con pintura de cor vermella. Deixamos o 2º baleiro. No 3º auga con pintura de cor azul. Deixamos o 4º baleiro. No 5º auga con pintura de cor amarela. Deixamos o 6º baleiro e no 7º auga con pintura de cor vermella.

- Enrolamos un cadrado de rolo de cociña e colocámolo unindo cada vasiño co seguinte e...agardamos.


- Agora podes darlle vida á túa obra de arte a partir dun anaco de pintura. Podes poñerlle ollos (empregando pompóns, botóns, ollos móbiles). Debuxar boca, nariz, orellas. Inventar un corpo, rabo...todo o que se che ocorra convertindo un debuxo abstracto nunha figura animada. Podes facer unha creación super divertida. Anímate  a compartila con nós!


- Agora toca pintar co resultado do experimento. Coa axuda dun adulto, metemos o líquido de cada vasiño dentro dun globo de auga.

- Colocamos unha cartolina, lenzo ou papel en branco nunha zona exterior e colocamos os globos.

- Despois, collemos un garfo ou calquera outro obxecto con punta (sempre supervisado por un adulto!) e explotamos os globos decorando a nosa obra de arte.


E que máis podemos facer? 

Para os nenos/as de tres anos: 

- Escribe o teu nome na obra de arte e inventa un nome para o cadro.

- Podes dicir que cor che saíu ao mesturar vermello e azul? E azul e amarelo? E amarelo e vermello?

- Verbaliza os materiais que empregache.

Para os nenos/as de catro anos:

- Escribe o teu nome na obra de arte e inventa e escribe un nome para o cadro.

- Podes dicir que cor che saíu ao mesturar vermello e azul? E azul e amarelo? E amarelo e vermello? Escríbeo.

- Verbaliza e escribe os materiais que empregache.

Para os nenos/as de cinco anos:

- Escribe o teu nome na obra de arte e inventa e escribe un nome para o cadro.

- Escribe o proceso que levache a cabo para facer o experimento.

- Podes dicir que cor che saíu ao mesturar vermello e azul? E azul e amarelo? E amarelo e vermello? Escríbeo.

Agora é o turno de experimentar coas texturas ás que xa sabedes que sempre lles podemos engadir cor. Nesta ocasión, ímos facer area máxica tamén coñecida como area cinética que, sen dúbida, nos vai transportar a unha estación que estamos a piques de comezar, o verán!


Que materiais precisamos? 

- Fariña.

- Aceite de xirasol.

- Colorantes alimentarios.

- Unha culler grande.

- Un recipiente.

- Pratos de desfeito.

- Guantes de látex.

- Caixa de reciclaxe.


Como a elaboramos? 

1º No recipiente, botamos oito culleradas de fariña e dúas de aceite de xirasol.

2º Removemos coa culler ata que quede todo ben mesturado. É mellor lavar ben as mans e rematar de manipular a mestura con elas. Se queda un pouco seca, engadimos máis aceite e mesturamos outra vez. Se, pola contra, queda aceitosa botamos máis fariña.

3º Como sabemos cando está lista? Unha vez que teñamos a sensación de ter area húmida nas mans significa que a nosa mestura está perfecta.

4º Se queremos darlle cor, debemos repartir a area nos diferentes pratos de desfeito.

5º Poñemos os guantes de látex (un par por cada cor) e mesturamos a area co colorante alimentario.


E agora que está lista, que podemos facer con ela?

- Manipulala e desfrutar da súa textura.

- Empregar moldes e facer diferentes figuras con ela.

- Facer figuras sen molde deixando voar a nosa imaxinación.

- Escribir números, letras ou trazos sobre ela, empregando como base unha bandexa ou caixa de reciclaxe.


- Tamén podes coller unha cartolina e facer unha creación empregando a area, como podes ver nos exemplos da imaxe.

Como cada luns, esperamos que pasedes un ratiño agradable realizando estas actividades que as profes elaboramos para vós con todo o agarimo do mundo! Enviámosvos moitos biquiños de cores e  texturas. Querémosvos de aquí á lúa!






No hay comentarios:

Publicar un comentario