jueves, 4 de junio de 2020

Ola de novo familias!!

Como non podía ser doutro xeito, hoxe é DÍA DE CONTO! Pero hoxe ten unha temática especial, xa que mañá conmemoramos o DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE, polo que o conto de hoxe estará relacionado con esta temática e titúlase PÉTALA (premendo no título teredes acceso ao conto en youtube).

Despois de visualizar o conto, suxerímosvos as seguintes actividades:


Para os NENOS E NENAS DE TRES ANOS:

  • Que especie de paxaro é Pétala? Pensa noutras especies de paxaros que coñezas e expresa o seu nome oralmente.
  • Agora, deses paxaros nos que pensache...escolle o que máis che guste e describe os seus atributos (tamaño, cor da plumaxe, forma do peteiro...).
  • Pensa nos tres elementos aos que Pétala preguntou por que non había auga. Lembras por que orde se atopou con cada un deles?
  • Fai un debuxo dos teus lugares favoritos nos que podes desfrutar da presenza de auga (estanque, río, praia, fervenza...).



Para os NENOS E NENAS DE CATRO ANOS:

  • Como podes ver no conto, "PÉTALA" é unha "POMBA". Observando as dúas palabras, poderías dicir que teñen en común? Fíxate en cada unha das letras que as compoñen e verás que axiña o adiviñas.
  • Agora, fai unha lista de máis palabras que se che ocorran que comecen e rematen polas mesmas letras.
  • Pensa no teu lugar favorito para ir de excursión e expresa oralmente as cousas que debes e/ou non debes facer alí para coidar o medio ambiente.
  • No conto, aparece un dragón que bebe toda a auga e non deixa unha pinga para ninguén máis. Inventa ti outro animal fantástico que, en lugar de lume, bote auga para compartir con todos os seres vivos do planeta.



Para os NENOS E NENAS DE CINCO ANOS:

  • Ordena os elementos cos que se atopa Pétala no seu camiño segundo o número de letras que compoñen os seus nomes, do máis longo ao máis curto.
  • Pensa en nomes de árbores e fai unha lista de todos os que se che ocorran. Dos que escribiche, investiga se todos eles perden as súas follas durante a estación do outono ou se hai algún que as manteña durante todo o ano.
  • Pétala conseguiu voar ata a casa da choiva para investigar que estaba pasando. Escribe ou debuxa a onde voarías ti se tiveses ás ou que farías para conseguir que todos os seres humanos coidasemos o medio ambiente. Lembra que, ademais da escaseza de auga, hai outros moitos aspectos que debemos mellorar: reciclaxe, redución de uso de plásticos, tala de árbores...
  • Agora, pensa e expresa oralmente aquelas cousas que podes facer ti na casa para contribuír ao aforro de auga.

E seguindo coa temática do MEDIO AMBIENTE, propoñémosvos un experimento para descubrir COMO SE FORMA A CHOIVA: 









E para seguir coa temática e contribuír ao coidado do noso contorno, propoñémosvos facer unha MACETA AUTORREGANTE:





Animádevos a compartir con nos os vosos resultados e a contarnos que semente escollestedes para plantar nesta SÚPER MACETA!

E isto é todo por hoxe, agardamos que vos guste moito o conto e as actividades deste, e que vos animedes a facer o experimento...e lembrade que estaremos encantadísimas de ver os vosos resultados! Moitísimos bicos para todas e todos, estamos desexando volver a vervos!!!

Botámosvos un montón de menos!! 



No hay comentarios:

Publicar un comentario