jueves, 18 de junio de 2020

Boas de novo familias!! 

Como esta semana sería moi especial no cole, hoxe traemos unhas propostas de actividades un chisco diferentes... 

A primeira delas, e para que non vos esquezades de nós, é un xogo de BUSCAR AS DIFERENZAS a partir de fotos das profes! Precisades as vosas gafas de espía e a fixarse moi ben nestas imaxes...que vedes na imaxe da dereita que non está na esquerda??? 



Para os NENOS E NENAS DE TRES ANOS soamente tedes que atopar catro elementos, observade atentamente e...seguro que os descubrides todos!



Para os NENOS E NENAS DE CATRO ANOS, temos que atopar cinco diferenzas, seguro que todos e todas o conseguides!! 



Para os NENOS E NENAS DE CINCO ANOS...un pouquichiño máis complicado, debedes atopar sete diferenzas! Ollade ben as imaxes...

Se vos animades, tamén podedes facer vós mesmos o reto a partir dunha foto vosa, engadindo diferentes elementos nunha nova imaxe... Se o facedes, non dubidedes en compartir connosco para que as profes tamén poidamos xogar a BUSCAR AS DIFERENZAS!

E como actividade final e para dar a benvida ao verán que está a piques de comezar, ímosvos a propoñer UNS XOGOS DE AUGA con varios retos que seguro seguro os ides a desfrutar un montón! ANIMÁDESVOS A PROBALOS TODOS? 




O primeiro xogo consiste en facer TRANSVASES CON ESPONXAS! Agora que aínda estades a tempo...recomendámosvos poñer un bañador! 

Precisamos dous barreños, un con auga e outro baleiro e que deben estar a unha certa distancia. Agora, cunha esponxa, debedes empapala no primeiro barreño e transvasar a auga ao segundo, tratando de perder a mínima cantidade de auga posible.




O segundo reto consiste en PESCAR AS CUNCAS. O primeiro que debedes facer é elaborar as vosas canas de pescar cun pao ao que lle ataremos un cordón e un "clip" a modo de anzol. 

Logo, encheremos un balde de auga e introduciremos nel unhas cuncas de plástico (xa que pesan pouco e isto facilítanos o xogo). 

A continuación, collemos a nosa cana e, ao sinal dun adulto, comezamos a pescar as cuncas! Pon a proba a túa motricidade fina e verás cantas es quen de pescar!


O seguinte reto consiste en PASAR AUGA AO/A NOSO/A COMPAÑEIRO/A! 

Precisamos un bol para cada xogador e auga. 

Colocarémonos todos en fila mirando na mesma dirección, o primeiro xogador terá o bol cheo de auga e deberá pasar (por detrás da cabeza, sen mirar) a auga ao bol do compañeiro/a que ten detrás, procurando non quedarse sen auga!




Este reto consiste en facer SERPES CON BURBULLAS DE XABÓN!

Para este xogo precisamos unha botella de plástico co fondo cortado e unha peza de toalla posta sobre o burato e sostida por un elástico.

Mollando a punta da toalla en auga xabonosa, ao soprar polo pico da botella sairá esta espectacular serpe de xabón súper divertida! Proba a botar colorante na auga e verás como sae de moitas cores!



Continuamos...agora debemos gardar as mans e XOGAR SOAMENTE COS PÉS!

Que precisamos? Dous barreños (os que empregamos para o primeiro xogo) e varios globos de auga, que colocaremos todos xuntos no primeiro barreño).

Os barreños deben estar colocados un ao carón do outro, e debedes transvasar os globos tocándoos unicamente cos pés, e procurando non rompelos! Sorte!



Este reto recibe o nome de BARCOS ESVARADÍOS! 

Para levalo a cabo, precisamos medio tubo grande de plástico dos que se empregan para escorrer a auga e algúns xabóns. 

Para elaborar os barcos, só temos que colocar unha vela ás barras de xabón (podemos facelas de papel e decoralas como máis nos guste).

Despois, pegamos as velas nun escarvadentes que, posteriormente, cravaremos nas barras de xabón. E xa temos os nosos barcos feitos!

Agora, mollamos o tubo e poñemos a esvarar os nosos barcos, será unha carreira moi divertida e refrescante!


ABAIXO A TORRE! É o seguinte reto que propoñemos, para o cal precisamos 10 vasiños de desfeito e unha pistola de auga (se non temos, podemos facelo con globos).

En que consiste o xogo? Debemos colocar os dez vasiños formando unha torre (como podes ver na imaxe), logo colocámonos a unha distancia prudencial e deberemos lanzar coa pistola ou ben cos globos, tratando de derrubar a torre de vasiños.




O seguinte reto consiste en facer XEADOS DE XIZ. 

Para elo, precisamos: XESO, AUGA, VASOS DE DESFEITO, PAOS DE XEADO, UNHA CUNCA PARA MESTURAR E UNHA CULLER.

O procedemento é o seguinte:

  1. Mesturamos nunha cunca auga cunhas gotas de pintura ou colorante alimentario. Agrégalle cor ata que teñas unha tonalidade un pouco máis escura da que desexas, xa que o xiz aclara ao secar.
  2. Coa culler, remove a mestura ata que a cor esté ben disolta.
  3. Cando teñas a cor desexada, engade o xeso segundo as porcións que indica o reverso do envase. Agrega pouco a pouco ata obter unha pasta homoxénea.
  4. Cando teñas a mestura, enche os vasos coa culler.
  5. Finalmente, coloca un dos paos no centro do vaso para facer os xeados.
  6. Deixa secar, retira o vaso e...a pintar!

E por último, deixámosvos aquí un experimento para facer SLIME!


Tan só precisamos: UN RECIPIENTE E UNHA CULLER SOPEIRA, COLA BRANCA, ESPUMA DE AFEITAR, LÍQUIDO PARA LENTILLAS, COLORANTE ALIMENTARIO (OU PINTURA ACRÍLICA) e, se queremos darlle un toque de brilli brilli, PURPURINA!

Para elaboralo, seguiremos os seguintes pasos:

  1. Botamos no recipiente tres culleres de cola branca.
  2. Engadimos espuma de afeitar (ata cubrir a cola) e mesturamos.
  3. Engadimos 6 culleres de líquido de lentillas.
  4. Botamos colorante alimentario ou pintura acrílica da cor que queiramos.
  5. Podemos engadir un pouco de purpurina.
  6. Mesturamos todo con moitas ganas e...A XOGAR!


E con estas propostas, damos a benvida ás vacacións de verán, que tanto nenos e nenas como familias tedes máis que merecidas! Pero non queriamos rematar sen darvos as grazas ás familias pola vosa implicación e compromiso e felicitarvos unha vez máis pola vosa labor durante a ausencia ao cole.

E aos nosos NENOS E NENAS, que dicir...que non podemos sentirnos máis orgullosas de vós e que estamos desexando darvos unha APERTA BEN AGARIMOSA e seguir aprendendo e disfrutando todos xuntos!

Aquí seguiremos, á vosa disposición para o que precisedes, MOITOS BICOS E APERTAS PARA OS NENOS E NENAS E AS SÚAS FAMILIAS!!!

Queremos aproveitar tamén para cantar un FELIZ CUMPLE moi grande para todos OS NOSOS NENOS E NENAS que están de celebración este mes de xuño que son DIEGO G. CHAÍN E LINA, os peques que cumpren anos en xullo que son MATEO, TIAGO, LUCAS F., MARA E SAÚL, e tamén para os que soprarán velas en agosto que son JOEL, MIGUEL, LAURA E YERAY!!!! Esta CANCIÓN vai dedicada a todas e todos vós!! Desexámosvos que pasedes un día marabilloso, e estamos agardando para soplar as velas con vós no cole en setembro!! QUERÉMOSVOS!!!

DESFRUTADE DO VERÁN, AQUÍ VOS AGARDAMOS COS BRAZOS ABERTOS!!!!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario