lunes, 20 de abril de 2020

Ola familias! Dámoslle a benvida a outra semana con novas propostas!

Para comezar, ímos facer un repaso de vocabulario e conceptos básicos que estivemos a traballar no cole durante o primeiro e segundo trimestre.


VOCABULARIO DE CORES

Para os nenos/as de 3 anos: identifica as cores que hai na imaxe, selecciona unha que che indiquen e busca esa cor en diferentes elementos que teñas pola casa.

Para nenos/as de 4 anos: identifica as cores que hai na imaxe e trata de buscar outras que non aparecen na imaxe.

Para os nenos/as de 5 anos: identifica as cores e a letra pola que comeza cada unha delas. Trata de descubrir outras que non aparecen na imaxe e escríbeas.


VOCABULARIO DE ANIMAIS

Para os nenos/as de 3 anos: expresa oralmente o nome dos animais que ves na imaxe e pensa outros que coñeces. Agora responde... cales dos animais que aparecen na imaxe teñen pelo? E plumas?

Para os nenos/as de 4 anos: expresa oralmente o nome dos animais que ves na imaxe e pensa noutros que coñeces, poderías dicir cales destes animais se desprazan pola terra e cales polo aire?. Poderías pensar noutros animais acuáticos?

Para os nenos/as de 5 anos: expresa oralmente o nome dos animais que ves na imaxe e logo pensa noutros que coñeces. Podes facer un listado destes animais diferenciando entre os que se desprazan pola terra, polo aire e pola auga.


VOCABULARIO DOS MEDIOS DE TRANSPORTE

Para nenos/as de 3 anos: seguro que coñeces todos os medios de transporte que aparecen na imaxe, podes expresar oralmente cada un dos nomes? Coa axuda dun adulto/a, escolle dous medios de transporte e trata de descubrir que palabra é máis longa e cal é máis curta.

Para nenos/as de 4 anos: expresa oralmente o nome de todos os medios de transporte que ves na imaxe e, se lembras algún máis, menciónao. Escolle un terrestre, un aéreo e un acuático e trata de escribilo.

Para nenos/as de 5 anos: poderías escribir todos os nomes dos medios de transporte que ves na imaxe? Agora rodea cun circulo aqueles medios de transporte nos que viaxache algunha vez.


VOCABULARIO DAS PROFESIÓNS

Para nenos/as de 3 anos: estamos seguras de que todas estas profesións son coñecidas para ti, poderías expresar oralmente o seu nome? Pensa nalgunha outra que coñezas. Agora, anímamoste a que trates de escribir o teu nome e, ao carón, a profesión que che gustaría ser de maior.

Para nenos/s de 4 anos: poderías expresar oralmente o nome de todas as profesións que ves na imaxe? E un utensilio que emprega cada un destes profesionais? Agora podes animarte a escribir o teu nome, a profesión que che gustaría ser de maior e un utensilio que precisarías para realizar o teu traballo.

Para nenos/as de 5 anos: poderías expresar oralmente e escribir o nome de todas as profesións que ves na imaxe? Agora podes escribir ao seu carón o número de sílabas e/ou letras que ten cada unha delas.


VOCABULARIO DAS COMIDAS

Para nenos/as de 3 anos: identifica todas as comidas que aparecen na imaxe, clasifícaas en función de se che gustan moito, regular ou pouco. Podes tratar de escribir a túa comida favorita.

Para nenos/as de 4 anos: identifica todas as comidas que aparecen na imaxe, clasifícaas en función de se che gustan moito, regular ou pouco. Podes escribir aquelas que che gustan "moito".

Para nenos/as de 5 anos: identifica todas as comidas que ves na imaxe e logo, empregando estas ou outras, fai unha proposta e escribe a comida que máis che gusta para o almorzo, o xantar e a cea.

Xa sabedes, que da proposta de actividades, podedes facer as modificacións e adaptacións que queirades.

Agora, despois de facer este repaso de vocabulario ímos a probar a facer unhas manualidades.

Como ben sabedes, uns días despois de ter que cumprir coa obriga de estar nas nosas casas, comezou unha nova estación que a case todos/as nos encanta; a PRIMAVERA. Unha estación que inxecta moito ánimo ao vernos rodeados/as de flores, bolboretas, xoaniñas e outros bechiños que, acochados durante o inverno, deciden sair á luz. 

Por iso, e xa contando os días para poder sair a disfrutar de todo o que nos brinda a natureza, propoñémosvos facer unhas manualidades para darlle unha boa benvida a esta estación. Prestade moita atención...


A primeira manualidade que vos propoñemos consiste en facer estampas con patacas.
Materias que precisamos: patacas, témperas de cores, pincel e cartolina ou folio.
Elaboración: para facer o deseño de flores, crearemos un selo cortando a pataca á metade e facéndolle forma de triángulos. Despois, mollamos o selo na témpera ou ben a pintamos cun pincel. O derradeiro paso será estampar o selo no folio ou cartulina facendo tantas flores como queiramos.


A seguinte manualidade, convídavos a decorar cuncas de ovo transformándoas en flores.
Materiais que precisamos: cuncas de ovo, tesoiras, témpera, pincel, pegamento, palliña.

Elaboración: cortamos as cuncas de ovo de forma que quede en catro pezas. Despois, pintámola mesturando diferentes cores, pegamos unha palliña na parte posterior para o talo e, finalmente, para o pistilo podemos empregar un pompón, un tapón deplástico ou calquera outro elemento que teñamos pola casa.



Na derradeira manualidade, ímos empregar como material un elemento que traballamos durante a nosa investigación sobre a comida italiana e que tanto nos gusta; a pasta.

Materiais que precisamos: cartolina branca ou folio, cola, témpera marrón, macarróns (espiral), limpiapipas verde ou palliña.
Elaboración: sobre a cartolina ou folio pintamos un circulo de cor marrón (podemos empregar as xemas dos dedos). Despois, pegamos os macarróns  arredor semellando os pétalos e o derradeiro paso será deseñar o talo coa palliña ou limpiapipas. 

Esperamos que desfrutedes moito realizando estas actividades e, xa sabedes, vémonos en breve! #euquedonacas#todosairáben



No hay comentarios:

Publicar un comentario