lunes, 4 de mayo de 2020


Ímos dar comezo a unha nova semana familias! Coma sempre, con nova propostas que esperamos que vos sirvan para facer o día a día un pouquiño máis ameno e divertido.

Lembrades que uns días antes de ter que estar na casa estabamos investigando sobre a arquitectura, escultura e pinturas de Italia? Lembrades o cadro da “Mona Lisa” e o nome do seu autor? Estamos seguras de que a resposta é “SÍ”. Por iso, hoxe queremos que coñezades outra obra de arte de Leonardo Da Vinci que se chama “O home de Vitruvio”.

Para isto, primero teredes que observar moi ben esta pintura e contestar unhas preguntiñas. Despois, propoñémosvos crear o voso propio “Home de Vitruvio” escollendo a idea que prefirades. Atentos/as…


Observa a imaxe que tes á dereita e responde:

- Que figuras xeométricas aparecen no debuxo?

- Que figura tocan as mans?

- Que figura tocan os pés?

- Cantos brazos ves?

- Cantas pernas ves?

- Conta cantos hai en total.



Agora, podemos elaborar o nosos propio "Home de Vitruvio" con calquera destas ideas. Se tes unha nova idea, adiante!

- Imprime a plantilla ou ben debuxa nun folio un circulo e un cadrado na disposición na que aparecen na imaxe. A continuación, debuxa a figura do "Home de Vitruvio" tendo en conta o número de extremidades así como na posición na que aparecen.

- Coa axuda dun adulto, debuxa nun folio as figuras xeométricas que aparecen na imaxe. Despois, con bonecos de "playmobil" ou calquera outro con extremidades articuladas, crea o teu propio "Home de Vitruvio" intentando que os brazos e pernas de ambos os dous bonecos queden visibles, tal e como aparecen na imaxe.

- Se tes a sorte de estar con máis nenos/as na casa, podes facelo mediante unha fotografía, tal e como se ve na imaxe. Se te decantas por esta opción, contesta ás seguintes preguntas.

      1. Quen está diante? Quen está detrás?
      2. Quen ten as pernas máis abertas?
      3. Quen as ten máis pechadas?
      4. Quen ten os brazos en cruz? (liña recta cos ombros)
      5. Quen ten os brazos máis levantados?

Por último, ímos darlle unha volta a esta obra de Leonardo Da Vinci. E se en lugar dun home fose unha muller?

- Propoñémosvos debuxar "A muller de Vitruvio" colocándolle nas mans e nos pés calquera obxecto que se vos ocorra.

- Despois, podedes comparar os debuxos da muller e home de Vitruvio e expresar que elementos lle puxéstedes a un e a outro para diferencialos.

- Tamén podes transformalo no super heroe ou super heroína que máis che guste.

E para seguir pasando un ratiño do máis entretido, aquí vos deixamos unhas propostas de xogos de mesa.


Para isto, antes de xogar, teremos que elaboralos. Quen se anima?


Para nenos/as de 3 anos

Ímos xogar a recoller ovos! Podemos xogar a este xogo entre dous e catro xogadores.

Materiais que precisamos:

-  Catro medias oveiras de cartón. Pintamos cada unha da cor que máis nos guste.

- Un dado, un recipiente no que engadir pompóns, botóns ou algo semellante e unhas pinzas do xeo ou culler para cada xogador.

Como xogar?



- Por quendas, tiramos o dado, contamos o número que nos saiu e collemos tantos "ovos" (pompóns, botóns...) como nos indica o dado e colocámolos na nosa oveira.

- Debemos collelos de un en un coa nosa pinza ou culler e colocalos na oveira con coidado de non rompelos. Se nos caen, perdemos o "ovo".

- Ao final do xogo, contamos quen conseguiu máis ovos e, se temos diferentes cores, contamos cantos temos de cada cor.

Que traballamos con este xogo?

- As cores e os números (ao ter que empregar o dado e contar cantos "ovos" collemos de cada vez).

- A concentración e a motricidade fina (ao ter que coller os ovos cunha pinza ou culler).

- A espera e o respeto das quendas.

Para nenos/as de 4 anos:


Ímos xogar a "Quen é quen?". Trátase de descubrir unha personaxe facendo preguntas (exemplo: é rubio? leva lentes? ten o cabelo longo?...). Precisamos dous xogadores.

Materiais que precisamos:

- Imprimir cada taboleiro dúas veces (un para cada xogador) e recortar o contorno de cada personaxe polos lados e por debaixo. Despois daremos a volta ao taboleiro para colocalo boca abaixo e logo dobraremos o papel pola liña que nos queda.

- Imprimir as tarxetas por separado para colocar no recadro correspondente a imaxe da personaxe que debe adiviñar o voso contrincante.



Que traballamos con este xogo?


- A atención (ao ter que fixarnos nas características das personaxes).

- A memoria, lembrando as respostas que nos da o noso compañeiro/a de xogo.

- Expresión oral, mediante a formulación de preguntas.

- Lectoescritura; buscando a inicial das personaxes, letras que forman o seu nome...

- A espera da nosa quenda de xogo.

Para nenos/as de 5 anos:


Ímos xogar a... afundir a flota!. Para este xogo precisamos dous xogadores. Trátase de descubrir en que lugar ten colocado o contrincante os seus barcos ou elementos cos que xoguemos.

Materiais que precisamos:



- Facer dous taboleiros idénticos nos que teremos, na parte superior, letras e na marxe esquerda, números. Logo, cada xogador colocará un número de elementos en diferentes recadros (exemplo: bonecos "playmobil", animais pequenos...).

Como xogar?

- O obxectivo do xogo consiste en "derribar" os elementos do taboleiro do noso contrincante facendo preguntas sobre a súa ubicación (exemplo; está na A-6?. Se é certo, o contrincante dirá "fundido" e deberá eliminar ese elemento do taboleiro.

- Gañará o xogador que derribe todos os elementos do taboleiro do seu contrincante.

Que traballamos con este xogo?

- A atención e a memoria.

- O razoamento e a interpretación de datos.

- A expresión oral (ao ter que facer preguntas e descricións de elementos)

- Lembramos a numeración e as letras.

E, sobre todo, con estes xogos, divertímonos aprendendo!

Esperamos que o pasedes xenial con estas propostas e, dende aquí, felicitar ás mamis xa que onte foi un día moi especial para vós!

Botámosvos de menos! E, xa sabedes, vémonos en breve! #euquedonacasa#todovaisairben











No hay comentarios:

Publicar un comentario