lunes, 30 de marzo de 2020

Bos días familias!

Comezamos unha nova semana con máis propostas para amenizar estes días que a todos/as se nos fan un pouco máis monótonos do normal. Que vos parece se lle damos un toque de alegría ao luns cunha dinámica de arte? Aí vai a nosa proposta...


Facemos a nosa propia obra de arte sobre film transpartente? Atentos/as aos pasos que debemos seguir...

1. Escoller a superficie sobre a que ímos colocar o film (patas dunha mesa, cadeira...)

2. Colocar varias tiras de film transparente e escoller  a pintura que ímos empregar (preferiblemente témpera).

3. Chega a hora de pintar, deixando voar a nosa imaxinación!

Para os nenos/as de 3 anos: pon nome á túa obra de arte e trata de escribilo (non esquezas por o nome do autor/a). Podes facer unha serie con dúas cores das que empregache (tal e como se ve na imaxe).

Para os nenos/as de 4 anos: pon nome á túa obra de arte, escribe o teu nome e as cores que empregache. Podes facer unha serie con dúas ou tres cores co material que queiras.

Para os nenos/as de 5 anos: ponlle nome á túa obra de arte e escribe o seu significado. Podes facer unha serie con tres cores das que empregache.

E que máis podemos facer? 


Lembrades quen era o autor da "Mona Lisa"? Podedes buscar en internet a obra que máis vos guste del e compartila con nós a través do correo aulainfantilsalvador@gmail.com

E, falando de autores, sabiades que hai un artista italiano que facía cadros con froitas e outros elementos da natureza? Pois lanzamos un reto! Investigar quen é este autor e facer unha obra de arte con froitas, verduras e outros elementos naturais que teñades pola casa.

Que vos parece se despois de tanto investigar e elaborar obras de arte, xogamos un pouco? Apetécevos? Aquí deixamos as nosas suxerencias...


Podemos reciclar as botellas de plástico que teñamos pola casa e xogar unha partida aos bolos.

Materiais necesarios:

- Botellas de plástico 
- Elementos para decorar (gomets, pintura, papeis de diferentes texturas...)
- Pelota de tamaño axeitado (bola de lá, pelota de tenis...)

Para os nen/as de 3 anos: encher as botellas con diferentes materiais (papel, teas...) e decorar por fóra como máis vos guste (podemos ver exemplos na imaxe).

Para os nenos/as de 4 anos: decorar as botellas con diferentes emocións (ledo, medorento, alporizado adurmiñado, triste...).

Para os nenos/as de 5 anos: decorar as botellas con números e ir sumando a puntuación dos bolos que consigades derribar.

E agora... a xogar!!



Outra das propostas consiste en elaborar un xogo para poñer a proba a vosa puntería.

Materiais que precisamos:

- Un vaso de plástico
- Pegatinas
- Un cordel duns 60 cm de longo
- Unha pelota de porexpan (serve tamé o tapón de plástico)
- Un punzón
- Unha agulla
- Rotuladores

Cómo o facemos? En primeiro lugar, faremos un burato na parte inferior do vaso cun punzón e, a continuación, introducimos o cordel. Ataremos un nó na punta e outro no extremo. A continuación, atamos tamén a pelota de porexpan ou tapón de plástico, ao que previamente lle faremos un burato que o atravese dun lado a outro en dirección vertical. Por último, facemos outro nó na punta para que a pelota/tapón quede suxeito/a (ver imaxe). 

Finalmente, decoramos o vaso con pegatinas e decoramos a pelota ou tapón con rotuladores e... a encestar!

Outra variante deste xogo, consiste en empregar as botellas de plástico dos bolos e elaborar uns aros de cartón, por exemplo, para encestalos nas botellas (ver imaxe).


O derradeiro xogo que vos propoñemos, consiste en elaborar un circuito nunha tapa de cartón empregando palliñas (ver imaxe). Despois, podemos dirixir mediante o sopro unha boliña de porexpan por todo o circuito ou ben empregar unha canica e, en lugar de usar o sopro podemos facelo movendo a tapa coas mans.

Esperamos que vos gusten estas actividades e que compartades con nós os resultados!!

P.D. Por certo, moitas grazas polo video "Coronavirus VS nen@s". Aproveitamos para subilo ao blog! Aparece xusto despois desta entrada. Gran traballo!!

Un biquiño moi forte para tod@s vós! E xa sabedes vémonos en breve!! #euquedonacasa#todosairáben

No hay comentarios:

Publicar un comentario