lunes, 11 de mayo de 2020

Ola familias! Dámoslle a benvida a esta semana que entra cunha nova remesa de actividades. Comezamos!

Lembrades que hai uns días estivemos xogando un pouquiño cos números? Pois para hoxe, temos preparadas máis propostas de lóxico-matemática. Prestade moita atención...




Para nenos/as de 3 anos: 

Que materiais precisamos?

- 6 vasiños de cartón ou plástico e 21 pompóns, botóns ou algo semellante.

En que consiste o xogo? 

- Decoramos libremente cada vasiño con gomets, pintando con rotulador ou como máis vos guste.

- Coa axuda dun adulto, escribimos un número do 1 ao 6 en cada vasiño dun tamaño suficiente para que sexa visible.

- Ímos colocando en cada vasiño tantos pompóns ou botóns como indica o número do vaso. Proba se queres a facelo cunha culler ou pinzas.

- Agora, escolle un número. Cal é? Podes buscar un maior? E un menor?. Repite as veces que queiras.

- Agora, escolle dous números. Cal é maior? Cal é menor? 

- Intenta ordenar todos os números.



Para nenos/as de 4 anos:

Que materiais precisamos?

- 6 vasiños de cartón ou plástico e unha plantilla na que debuxemos o contorno de cada vasiño. Dentro de cada un dos circulos, pegaremos diferentes cantidades de gomets, dende 1 ata  6.

En que consiste o xogo?

- Decoramos libremente cada vasiño con gomets, pintando con rotulador ou como máis vos guste.

- Coa axuda dun adulto, escribimos un número do 1 ao 6 en cada vasiño dun tamaño suficiente para que sexa visible.

- Ímos experimentar con eles. Cal é o número maior? E o menor? Escolle un número, podes buscar o anterior? E o posterior? Podes ordenar todos os vasiños?

- Agora, elaboramos a plantilla, tal e como se indica na primeira imaxe. Colocamos os vasiños enriba do número de puntiños que hai en cada circulo, tal e como podes ver na marxe inferior dereita da segunda imaxe.









Para nenos/as de 5 anos: 

Que materiais precisamos?

- 6 vasiños de cartón ou plástico e varias plantillas (podedes imprimir as que aparecen a continuación da primeira imaxe)

En que consiste o xogo?

- Decoramos cada vasiño cun número determinado de gomets, dende o 1 ata o 6 respectivamente.

- Ímos experimentar con eles. Cal é o número maior? E o menor? Escollemos un número, poderías buscar o anterior? E o posterior? Podes ordenar todos os vasiños? Fai sumas con eles.

- Agora, colle as plantillas e trata de colocar os vasiños na mesma posición na que aparecen na túa plantilla, tal e como podes ver na marxe inferior dereita da última imaxe.

E despois de darlle voltas aos números, ímos facer un xogo de retos! Animádesvos? Pois...que rode o dado!







Que materiais precisamos? 

- O taboleiro do xogo que aparece na primeira imaxe e que podedes imprimir ou debuxalo nun folio ou cartolina.

- Un dado e unha ficha por cada xogador (fichas de parchís, garavanzos, lentellas...)

En que consiste o xogo?

- Colocamos as fichas de cada xogador na "Saída". Rodamos o dado e ao primeiro/a que lle sae o "5" comeza a xogar. Volve rodar e avanza tantas casas como lle marca o número que lle saiu no dado. Realizamos todos os retos que nos toca facer segundo a casa na que caemos e gaña o primeiro/a que chegue á meta.

Que retos nos poden tocar?

- O GLOBO: neste reto, teremos que levar un globo por toda a casa manténdoo no aire con dous rolos depapel de cociña. O globo non se pode tocar coas mans.

- DEBUXO ABSTRACTO/ PINTAR UN CADRO:  se caemos nesta casa, podemos escoller entre facer un debuxo abstracto ou pintar un cadro. O debuxo abstracto consiste en engurrar unha folla de papel, estirala de novo e colorear os espazos que quedan. Se escolles a opción de pintar un cadro, podes probar a facer algún dun artista italiano.

- DEGUSTACIÓN: sentamos na mesa e tapamos os ollos cun pano. Os outros xogadores teñen que darnos a probar cousas da cociña e temos que adiviñar de que alimento se trata.

- BATER UN OVO: este reto consiste en aguantar o maior tempo posible batendo un ovo sen parar.

Coma sempre, esperamos que vos gusten moito estas propostas. As profes facémolas con todo o amor do mundo para vós!

Un biquiño ENORME e unha aperta aínda máis GRANDE. 










jueves, 7 de mayo de 2020

Ola de novo familias:

Como cada xoves, hoxe a cousa vai de contos! O conto de hoxe titúlase "Gato negro", e podedes visualizalo premendo no título que vos escribimos a continuación:



Depsois da lectura, propoñémosvos diferentes actividades por idades:



Para os nenos e nenas de TRES ANOS:

  • Expresa oralmente o nome dos obxectos que acompañan ao protagonista no seu camiño e conta cantos hai en total.
  • Deses obxectos, poderías dicir cantos comezan pola letra "E"? Despois, conta as letras de cada un deles, que palabra cres que é máis longa? E máis curta? Teñen algunha das letras do teu nome? Se é así, sinala cales son.
  • Lembras algún outro conto no que tamén sae un "gato negro"? Ímosche dar unha pista... "picotí, picotá...". Cal será?
  • Agora, escolle o obxecto que máis che gustou do conto e expresa que farías ti para axudarlle a ser máis feliz. Podes facer un debuxo.




Para os nenos e nenas de CATRO ANOS:

  • Enumera por orde os obxectos que acompañan a "Gato Negro" no seu camiño e ponlles ao seu carón o número ordinal que corresponde.
  • Deses obxectos, indica cales rematan pola letra "O". Conta as sílabas que ten cada unha facendo palmas, e logo compara se teñen o mesmo número de letras.
  • Fai memoria e pensa como se chama o gato negro que aparece no conto de Cocorico, anímaste a escribilo?
  • Imaxina que eres a "Dama da boa sorte". A que persoas e/ou animais axudarías para que fosen un pouco máis felices? Fai un debuxo e intenta escribir o nome das persoas/animais que escolliche.



Para os nenos e nenas de CINCO ANOS:

  • Escribe o nome dos obxectos que acompañan a "Gato Negro" no seu camiño. Sen contar as letras, que palabra che parece a máis curta? E a máis longa? Agora, conta as letras para comprobar se acertache na túa estimación.
  • Se fas a suma de letras de todas as palabras, terías algunha decena? En caso afirmativo, cantas? E unidades?
  • Inventa outro final diferente para o conto e fai un debuxo que así o exprese.
  • Imaxina que eres a "Dama da boa sorte", inventa un conxuro máxico que sirva para repartir sorte. Agora, intenta escribilo.



E ademais...como nos gustan tanto as historias, propoñémosvos crear outras coa seguinte actividade.


Aquí vos deixamos tres plantillas, unha de personaxes, outra de obxectos e outra de escenarios. A idea é que imprimades cada plantilla, para que os nenos e nenas poidan colorear todas as caras e logo recortar polas liñas exteriores. Unha vez feito isto, aplicaremos pegamento nas pestanas e doblaremos todas as liñas para formar o dado.




Agora que temos os tres dados listos, é momento de comezar a crear! 


Para os nenos e nenas de TRES ANOS:
  • DADO DE PERSONAXES: Lanza o dado e describe a personaxe que ves, como se pode chamar? Onde vivirá? Que comerá? Cal che gustaría ser a ti? 
  • DADO DE OBXECTOS: Lanza o dado e describe o que ves, para que serve ese obxecto? Como o empregarías?
  • DADO DE LUGARES: Lanza o dado e nomea o lugar que aparece na imaxe, podes describir o que hai nese lugar? Con quen irías?
Podes repetilo as veces que queiras volvendo a lanzar o dado!




Para os nenos e nenas de CATRO ANOS:
  • Imos comezar practicando...lanza o DADO DE OBXECTOS e describe o que ves, que é? Para que serve? Como o empregarías ti e con quen?
  • Agora imos crear unha pequena historia...lanza o DADO DE PERSONAXES e comeza unha historia con este personaxe como protagonista (antes de nada, debes poñerlle nome), agora lanza o DADO DE LUGARES e introduce a escena no teu conto. A onde vai o teu protagonista? Por que? Que se vai atopar?
  • Despois de crear a túa historia, non te esquezas de inventar un final.
  • Agora podes poñer un título e escribilo nun folio, así como facer un debuxo do conto.



Para os nenos e nenas de CINCO ANOS:

  • Imos a crear unha historia... Lanza os tres dados ao mesmo tempo, que personaxe che tocou? Descríbeo, ese vai a ser o protagonista da túa historia (ponlle nome).
  • En que lugar vai a desenvolverse esta historia? Descríbeo. 
  • Neste conto precisas un obxecto máxico (o que che saíu no dado), para que?
  • Deixa voar a túa imaxinación e compón unha historia única. Cando remates, pon un título e escríbeo nun folio, facendo tamén un debuxo. Se te animas, podes escribir tamén o conto completo.


E isto é todo por hoxe, luns volveremos con novas ideas para vos! Moitas gracias por colaborar como o estades a facer, é unha satisfacción poder contar con todas e todos!

Non vos esquezades de gozar dun bo e moi merecido paseo, botámosvos moito de menos!!

lunes, 4 de mayo de 2020


Ímos dar comezo a unha nova semana familias! Coma sempre, con nova propostas que esperamos que vos sirvan para facer o día a día un pouquiño máis ameno e divertido.

Lembrades que uns días antes de ter que estar na casa estabamos investigando sobre a arquitectura, escultura e pinturas de Italia? Lembrades o cadro da “Mona Lisa” e o nome do seu autor? Estamos seguras de que a resposta é “SÍ”. Por iso, hoxe queremos que coñezades outra obra de arte de Leonardo Da Vinci que se chama “O home de Vitruvio”.

Para isto, primero teredes que observar moi ben esta pintura e contestar unhas preguntiñas. Despois, propoñémosvos crear o voso propio “Home de Vitruvio” escollendo a idea que prefirades. Atentos/as…


Observa a imaxe que tes á dereita e responde:

- Que figuras xeométricas aparecen no debuxo?

- Que figura tocan as mans?

- Que figura tocan os pés?

- Cantos brazos ves?

- Cantas pernas ves?

- Conta cantos hai en total.



Agora, podemos elaborar o nosos propio "Home de Vitruvio" con calquera destas ideas. Se tes unha nova idea, adiante!

- Imprime a plantilla ou ben debuxa nun folio un circulo e un cadrado na disposición na que aparecen na imaxe. A continuación, debuxa a figura do "Home de Vitruvio" tendo en conta o número de extremidades así como na posición na que aparecen.

- Coa axuda dun adulto, debuxa nun folio as figuras xeométricas que aparecen na imaxe. Despois, con bonecos de "playmobil" ou calquera outro con extremidades articuladas, crea o teu propio "Home de Vitruvio" intentando que os brazos e pernas de ambos os dous bonecos queden visibles, tal e como aparecen na imaxe.

- Se tes a sorte de estar con máis nenos/as na casa, podes facelo mediante unha fotografía, tal e como se ve na imaxe. Se te decantas por esta opción, contesta ás seguintes preguntas.

      1. Quen está diante? Quen está detrás?
      2. Quen ten as pernas máis abertas?
      3. Quen as ten máis pechadas?
      4. Quen ten os brazos en cruz? (liña recta cos ombros)
      5. Quen ten os brazos máis levantados?

Por último, ímos darlle unha volta a esta obra de Leonardo Da Vinci. E se en lugar dun home fose unha muller?

- Propoñémosvos debuxar "A muller de Vitruvio" colocándolle nas mans e nos pés calquera obxecto que se vos ocorra.

- Despois, podedes comparar os debuxos da muller e home de Vitruvio e expresar que elementos lle puxéstedes a un e a outro para diferencialos.

- Tamén podes transformalo no super heroe ou super heroína que máis che guste.

E para seguir pasando un ratiño do máis entretido, aquí vos deixamos unhas propostas de xogos de mesa.


Para isto, antes de xogar, teremos que elaboralos. Quen se anima?


Para nenos/as de 3 anos

Ímos xogar a recoller ovos! Podemos xogar a este xogo entre dous e catro xogadores.

Materiais que precisamos:

-  Catro medias oveiras de cartón. Pintamos cada unha da cor que máis nos guste.

- Un dado, un recipiente no que engadir pompóns, botóns ou algo semellante e unhas pinzas do xeo ou culler para cada xogador.

Como xogar?



- Por quendas, tiramos o dado, contamos o número que nos saiu e collemos tantos "ovos" (pompóns, botóns...) como nos indica o dado e colocámolos na nosa oveira.

- Debemos collelos de un en un coa nosa pinza ou culler e colocalos na oveira con coidado de non rompelos. Se nos caen, perdemos o "ovo".

- Ao final do xogo, contamos quen conseguiu máis ovos e, se temos diferentes cores, contamos cantos temos de cada cor.

Que traballamos con este xogo?

- As cores e os números (ao ter que empregar o dado e contar cantos "ovos" collemos de cada vez).

- A concentración e a motricidade fina (ao ter que coller os ovos cunha pinza ou culler).

- A espera e o respeto das quendas.

Para nenos/as de 4 anos:


Ímos xogar a "Quen é quen?". Trátase de descubrir unha personaxe facendo preguntas (exemplo: é rubio? leva lentes? ten o cabelo longo?...). Precisamos dous xogadores.

Materiais que precisamos:

- Imprimir cada taboleiro dúas veces (un para cada xogador) e recortar o contorno de cada personaxe polos lados e por debaixo. Despois daremos a volta ao taboleiro para colocalo boca abaixo e logo dobraremos o papel pola liña que nos queda.

- Imprimir as tarxetas por separado para colocar no recadro correspondente a imaxe da personaxe que debe adiviñar o voso contrincante.



Que traballamos con este xogo?


- A atención (ao ter que fixarnos nas características das personaxes).

- A memoria, lembrando as respostas que nos da o noso compañeiro/a de xogo.

- Expresión oral, mediante a formulación de preguntas.

- Lectoescritura; buscando a inicial das personaxes, letras que forman o seu nome...

- A espera da nosa quenda de xogo.

Para nenos/as de 5 anos:


Ímos xogar a... afundir a flota!. Para este xogo precisamos dous xogadores. Trátase de descubrir en que lugar ten colocado o contrincante os seus barcos ou elementos cos que xoguemos.

Materiais que precisamos:



- Facer dous taboleiros idénticos nos que teremos, na parte superior, letras e na marxe esquerda, números. Logo, cada xogador colocará un número de elementos en diferentes recadros (exemplo: bonecos "playmobil", animais pequenos...).

Como xogar?

- O obxectivo do xogo consiste en "derribar" os elementos do taboleiro do noso contrincante facendo preguntas sobre a súa ubicación (exemplo; está na A-6?. Se é certo, o contrincante dirá "fundido" e deberá eliminar ese elemento do taboleiro.

- Gañará o xogador que derribe todos os elementos do taboleiro do seu contrincante.

Que traballamos con este xogo?

- A atención e a memoria.

- O razoamento e a interpretación de datos.

- A expresión oral (ao ter que facer preguntas e descricións de elementos)

- Lembramos a numeración e as letras.

E, sobre todo, con estes xogos, divertímonos aprendendo!

Esperamos que o pasedes xenial con estas propostas e, dende aquí, felicitar ás mamis xa que onte foi un día moi especial para vós!

Botámosvos de menos! E, xa sabedes, vémonos en breve! #euquedonacasa#todovaisairben











jueves, 30 de abril de 2020

Bo día familias!!

Como cada xoves, traemos unha proposta relacionada cos contos, ese momento que tanto nos gusta. Hoxe, traémosvos un conto proposto por Jacobo, o noso compi, relacionado coa situación que estamos a vivir e adaptado tamén a pictogramas para facilitar a súa lectura, e con preguntas para traballar a comprensión do mesmo.

Aquí vos deixamos o enlace ao conto, só tedes que facer clic no título para acceder a el:

Despois da súa lectura, propoñémosvos as seguintes actividades, esperamos que vos gusten...





E como actividade final, animámosvos a facer este experimento que seguro que vos trae moi bos recordos do cole, pois xa o fixemos varias veces e nos encantaba, así que propoñémosvos facer PINTURA 3D!! 

Atentos ao material que precisamos e...a deixar voar a vosa creatividade!!


Precisamos:
  • Espuma de afeitar.
  • Cola branca.
  • Fariña de millo (maizena).
  • Pintura acrílica, témpera ou colorante alimentario.
  • Recipiente, culleres e vasos de desfeito.



Elaboración:
  • Enchemos un vaso de desfeito con espuma de afeitar e transvasámolo a un recipiente.
  • No mesmo recipiente, mesturamos un vaso de cola branca e engadimos tamén unha culler de maizena.
  • Agora, transvasamos esta mestura a varios vasos de desfeito, poñemos unha cor diferente en cada un empregando colorante alimentario, témpera ou pintura acrílica.



E, por último, vertemos a pintura en botes dosificadores ou ben nunha bolsa de plástico á que lle faremos un burato nunha das puntas e que empregaremos como se fose unha bolsa de pastelería.

Se queredes, podedes ver o titorial na seguinte dirección: https://www.youtube.com/watch?v=5uNNkMZgcF0 

Agardamos que vos gusten as propostas de hoxe...e vémonos o luns con novas ideas!!! 

Non vos esquezades de compartir con nós os vosos traballos, moitos bicos e saúdos a todos e a todas.

Botámosvos moito de menos!!! 




lunes, 27 de abril de 2020


Ola de novo nenos/as e familias!

Esta vez, ímos dar comezo á semana cun video no que os protagonistas aparecen convertidos en personaxes dos nosos contos preferidos! Estades desexando velo verdade? Ollade...



Ademáis, os protagonistas deste video fixeron uns marcadores chulísimos que ben seguro empregarán na lectura de todos os seus contos. Por certo, falando de contos... temos que decirvos que fixestedes xenial a actividade de adiviñar os títulos. Aquí vos deixamos a solución por se algún non vos soaba...

1. "La extraña visita"
2. "Chivos, chivóns"
3. "Mariluz avestruz"
4. "A cebra Camila"
5. "Corre, corre cabaciña"
6. "Daniela pirata"
7. "Cocorico"
8. "O galo Quirico"
9. "La ovejita que vino a cenar"
10. "Un hipopótamo en la bañera"

E agora, que vos parece se xogamos un pouco cos números? Atentos/as ás propostas...


Para nenos/as de 3 anos:

- Observamos a recta numérica e sinalamos o número que se corresponde coa nosa idade.

- Buscamos nas fichas de dominó a que se corresponde co número sinalado.

- Pensamos cantos puntos teremos que debuxar no outro lado da ficha para que sume o número buscado.

Para nenos/as de 4 anos:


- Observamos a recta numérica e sinalamos o número que se corresponde coa nosa idade.

- Buscamos nas fichas de dominó cal é a que se corresponde co número sinalado.

- Pensamos cantos puntos teremos que debuxar no outro lado da ficha para que sume o número buscado.

Para nenos/as de 5 anos:


- Observamos a recta numérica e sinalamos o número que se corresponde coa nosa idade.

- Pensamos cantos puntos teremos que debuxar no outro lado da ficha para que sume o número buscado.

- Seguimos contando e pensando cantos puntiños debemos colocar no outro lado da ficha para sumar a cantidade que se nos indica.

E despois de tanto pensar, propoñémosvos unha actividade de grafismo creativo que ben seguro vos encantará...


Para nenos/as de 3 anos:

- Escolle un papel en branco e moitas pegatinas de cores, pégaas libremente por todo o papel.

- Agora conta cantas pegatinas tes de cada cor, de cal tes máis? e menos?

- Ímos facer un sol con cada pegatina! Colle un rotulador da cor de cada pegatina e traza raias en todas as direccións. Quedouvos parecido ao da imaxe?

- Podedes facer o mesmo debuxando circulos concéntricos co rotulador.

- Agora fai a túa propia creación poñéndolle o teu nome.



Para nenos/as de 4 anos:

- Escolle un papel en branco e moitas pegatinas de cores, pégaas libremente por todo o papel.

- Agora, debes unir entre sí cun rotulador todas as que sexan da mesma cor, cantas hai de cada unha? Podes escribir o número de pegatinas de cada cor.

- Colle outro papel en branco, pega unha pegatina no centro e unha en cada esquina. Fai circulos concéntricos ao redor de cada unha das pegatinas da esquina  e úneas con liñas á que está no centro... que tal o resultado?

- Fai a túa propia creación e ponlle o teu nome.


Para nenos/as de 5 anos:

- Escolle un papel en branco, varios rotuladores e pegatinas de cores. Agora, divide o papel en catro partes.

- Nunha das partes, coloca unha pegatina no centro e traza espirais arredor dela.

- Noutra das partes, coloca unha pegatina no centro e varias esparcidas. Une a pegatina do centro con cada unha das colocadas aleatoriamente para formar unha flor.

- Noutra das partes, pega pegatinas unhas ao carón das outras e logo co rotulador traza liñas entre as pegatinas.

- Na última parte, pega pegatinas aleatoriamente e decóraas creando as figuras que máis che gusten. Non esquezas poñer o teu nome.

Ademáis destas propostas, tamén queremos informarvos de que na páxina web do cole, tedes acceso ao blog da profe Vanesa (teacher) https://funnyenglishforyou.blogspot.com/, no que podedes ver contos e cancións en inglés e tamén tedes un enlace https://drive.google.com/open?id=15unXKNNvD5gJhA4cY1e3gJEkti5_jVS_ para ver as actividades de educación física que vos propón a profe Marián.

Por outra parte, o concello ten habilitado un servizo de impresión para aquelas familias que desexen imprimir algún material. Correo: tarefasescolarespastoriza@gmail.com

No caso daquelas familias que aínda non dispoñades da aplicación abalarMóbil, deixamos unha guía de instalación para que podades facer uso dela e vos cheguen, deste xeito, os avisos e notificacións que enviamos dende o cole.


E isto é todo por hoxe familias! Voltamos o xoves con máis propostas para vós!

Un biquiño enorme! E xa sabedes, vémonos en breve! #euquedonacasa#todosairáben