jueves, 23 de abril de 2020

MOI FELIZ DÍA DO LIBRO A TODOS E A TODAS!!!!

Como cada xoves, nenos e nenas (e tamén as profes) o vivimos con especial ilusión porque é o día do conto, e hoxe máis que nunca que ademais temos que celebrar o DÍA DO LIBRO!!

Por iso, vos traemos uns retos e actividades un pouquiño especial, e que esperamos que vos gusten moito!!

Aí vai o primeiro reto...as profes caracterizámonos como as portadas de contos que nos gustan moito, seguro que moitos de vós recoñecedes de que contos se tratan... 



Agora queremos animarvos a que vos tamén fagades o mesmo, escollades un conto que vos guste moito e o intentedes representar, sacar unha foto e compartila con nós a través do correo...con todas as fotos faremos unha montaxe para subir aquí ao blog, será moi divertido!

Pero isto non remata aquí...sabemos que estades feitos uns expertos lectores e que coñecedes un montón de contos, así que...imos xogar ás adiviñas! Mostrámosvos unha imaxe de diferentes contos que temos na aula para que tratedes de adiviñar de que conto se trata...podedes escribirnos un comentario no blog ou no correo co número de cada imaxe e ao seu carón o conto que credes que corresponde coa imaxe...MOITA SORTE!











Pero isto non remata aquí...que sería dun día do libro sen un MARCAPÁXINAS?? Aquí vos deixamos algúns modelos para que escollades e fagades o que máis vos guste...Tamén vos deixamos a imaxe en maior tamaño por se queredes imprimir.







Isto é todo por hoxe...non vos esquezades de ler o voso CONTO FAVORITO!! Moitos biquiños e agardamos que vos gusten e que disfrutedes destas actividades!!

PD.: Se hai algunha familia que non ten a aplicación de Abalar Móbil e/ou non lle chegan as notificacións (boletín de notas, informacións...) rogamos que nolo fagan saber a través dun correo electrónico, para poder enviárvolas por outra vía, moitas grazas de antemán.

Botámosvos moito de menos! #todovaisaírben #euquedonacasa

lunes, 20 de abril de 2020

Ola familias! Dámoslle a benvida a outra semana con novas propostas!

Para comezar, ímos facer un repaso de vocabulario e conceptos básicos que estivemos a traballar no cole durante o primeiro e segundo trimestre.


VOCABULARIO DE CORES

Para os nenos/as de 3 anos: identifica as cores que hai na imaxe, selecciona unha que che indiquen e busca esa cor en diferentes elementos que teñas pola casa.

Para nenos/as de 4 anos: identifica as cores que hai na imaxe e trata de buscar outras que non aparecen na imaxe.

Para os nenos/as de 5 anos: identifica as cores e a letra pola que comeza cada unha delas. Trata de descubrir outras que non aparecen na imaxe e escríbeas.


VOCABULARIO DE ANIMAIS

Para os nenos/as de 3 anos: expresa oralmente o nome dos animais que ves na imaxe e pensa outros que coñeces. Agora responde... cales dos animais que aparecen na imaxe teñen pelo? E plumas?

Para os nenos/as de 4 anos: expresa oralmente o nome dos animais que ves na imaxe e pensa noutros que coñeces, poderías dicir cales destes animais se desprazan pola terra e cales polo aire?. Poderías pensar noutros animais acuáticos?

Para os nenos/as de 5 anos: expresa oralmente o nome dos animais que ves na imaxe e logo pensa noutros que coñeces. Podes facer un listado destes animais diferenciando entre os que se desprazan pola terra, polo aire e pola auga.


VOCABULARIO DOS MEDIOS DE TRANSPORTE

Para nenos/as de 3 anos: seguro que coñeces todos os medios de transporte que aparecen na imaxe, podes expresar oralmente cada un dos nomes? Coa axuda dun adulto/a, escolle dous medios de transporte e trata de descubrir que palabra é máis longa e cal é máis curta.

Para nenos/as de 4 anos: expresa oralmente o nome de todos os medios de transporte que ves na imaxe e, se lembras algún máis, menciónao. Escolle un terrestre, un aéreo e un acuático e trata de escribilo.

Para nenos/as de 5 anos: poderías escribir todos os nomes dos medios de transporte que ves na imaxe? Agora rodea cun circulo aqueles medios de transporte nos que viaxache algunha vez.


VOCABULARIO DAS PROFESIÓNS

Para nenos/as de 3 anos: estamos seguras de que todas estas profesións son coñecidas para ti, poderías expresar oralmente o seu nome? Pensa nalgunha outra que coñezas. Agora, anímamoste a que trates de escribir o teu nome e, ao carón, a profesión que che gustaría ser de maior.

Para nenos/s de 4 anos: poderías expresar oralmente o nome de todas as profesións que ves na imaxe? E un utensilio que emprega cada un destes profesionais? Agora podes animarte a escribir o teu nome, a profesión que che gustaría ser de maior e un utensilio que precisarías para realizar o teu traballo.

Para nenos/as de 5 anos: poderías expresar oralmente e escribir o nome de todas as profesións que ves na imaxe? Agora podes escribir ao seu carón o número de sílabas e/ou letras que ten cada unha delas.


VOCABULARIO DAS COMIDAS

Para nenos/as de 3 anos: identifica todas as comidas que aparecen na imaxe, clasifícaas en función de se che gustan moito, regular ou pouco. Podes tratar de escribir a túa comida favorita.

Para nenos/as de 4 anos: identifica todas as comidas que aparecen na imaxe, clasifícaas en función de se che gustan moito, regular ou pouco. Podes escribir aquelas que che gustan "moito".

Para nenos/as de 5 anos: identifica todas as comidas que ves na imaxe e logo, empregando estas ou outras, fai unha proposta e escribe a comida que máis che gusta para o almorzo, o xantar e a cea.

Xa sabedes, que da proposta de actividades, podedes facer as modificacións e adaptacións que queirades.

Agora, despois de facer este repaso de vocabulario ímos a probar a facer unhas manualidades.

Como ben sabedes, uns días despois de ter que cumprir coa obriga de estar nas nosas casas, comezou unha nova estación que a case todos/as nos encanta; a PRIMAVERA. Unha estación que inxecta moito ánimo ao vernos rodeados/as de flores, bolboretas, xoaniñas e outros bechiños que, acochados durante o inverno, deciden sair á luz. 

Por iso, e xa contando os días para poder sair a disfrutar de todo o que nos brinda a natureza, propoñémosvos facer unhas manualidades para darlle unha boa benvida a esta estación. Prestade moita atención...


A primeira manualidade que vos propoñemos consiste en facer estampas con patacas.
Materias que precisamos: patacas, témperas de cores, pincel e cartolina ou folio.
Elaboración: para facer o deseño de flores, crearemos un selo cortando a pataca á metade e facéndolle forma de triángulos. Despois, mollamos o selo na témpera ou ben a pintamos cun pincel. O derradeiro paso será estampar o selo no folio ou cartulina facendo tantas flores como queiramos.


A seguinte manualidade, convídavos a decorar cuncas de ovo transformándoas en flores.
Materiais que precisamos: cuncas de ovo, tesoiras, témpera, pincel, pegamento, palliña.

Elaboración: cortamos as cuncas de ovo de forma que quede en catro pezas. Despois, pintámola mesturando diferentes cores, pegamos unha palliña na parte posterior para o talo e, finalmente, para o pistilo podemos empregar un pompón, un tapón deplástico ou calquera outro elemento que teñamos pola casa.



Na derradeira manualidade, ímos empregar como material un elemento que traballamos durante a nosa investigación sobre a comida italiana e que tanto nos gusta; a pasta.

Materiais que precisamos: cartolina branca ou folio, cola, témpera marrón, macarróns (espiral), limpiapipas verde ou palliña.
Elaboración: sobre a cartolina ou folio pintamos un circulo de cor marrón (podemos empregar as xemas dos dedos). Despois, pegamos os macarróns  arredor semellando os pétalos e o derradeiro paso será deseñar o talo coa palliña ou limpiapipas. 

Esperamos que desfrutedes moito realizando estas actividades e, xa sabedes, vémonos en breve! #euquedonacas#todosairáben



jueves, 16 de abril de 2020

MOI BOAS A TODOS E TODAS!!

Retomamos a rutina con novas ideas para facer cos nosos nenos e nenas.

Hoxe, lembrando o que vos gustaba a todos e a todas ter a responsabilidade de ser ENCARGADOS/AS, traémosvos un material para que todos o poidades ser cada día. 

Podemos facer as tarefas imprimindo estas imaxes ou, para que vos resulte máis cómodo e doado, facendo as mesmas tarefas sobre un folio, encerado ou outro material que teñades na casa.








Outro momento da semana que nos encanta a todos é o MOMENTO DO CONTO, e hoxe suxerímosvos o conto de "Rana de tres ojos" que podedes atopar buscando en google "cuento Rana de tres ojos PDF". 

Despois da lectura do conto, propoñémosvos estas actividades:


PARA OS NENOS E NENAS DE 3 ANOS:

  • Debuxa unha rá de tres ollos e ponlle un nome. Trata de escribilo, conta cantas letras ten, pensa se é un nome longo ou curto e conta tamén as sílabas facendo palmas.
  • De todos os obxectos que aparecen no conto, busca un de cor rosa, outro de cor azul, outro de cor negra e outro de cor branca expresando oralmente o nome de cada un deles.
  • Agora, de todos os que aparecen no conto, identifica e nomea os que botarías á lata de lixo de cor amarela. Fai un pouco de memoria e pensa cales tiramos alí cando merendamos no cole.



PARA OS NENOS E NENAS DE 4 ANOS:


  • Observa a primeira páxina do conto e describe as diferencias que ves entre as tres rás que aparecen nela. Fíxate nas partes do seu corpo.
  • Escoita a canción do ciclo de vida dunha rá no seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=Mtd_jLjgq7w e expresa oralmente as diferentes etapas polas que pasa dende que nace ata que é adulta.
  • De todos os obxectos que aparecen no conto, escribe os que comezan pola letra "R", "P", "S". Conta cantos hai de cada unha e proba a contar cantos escribiche en total.


PARA OS NENOS E NENAS DE 5 ANOS:

  • Como vedes no conto, dende que a fábrica deixou de producir cousas, o medio ambiente mellorou. Visualiza este vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=_RHU-_Skk0A e reflexiona por que agora as augas de Venecia son cristalinas e ata teñen cisnes e peixes.
  • De todos os obxectos que aparecen no conto, investiga cales non debemos botar á lata de lixo verde, amarela nin azul, e deberían ir ao punto limpo. Podedes investigar no seguinte enlace: http://www.oqueseenchufareciclase.gal/osbolechas/ 
  • Agora busca un obxecto que teñas pola casa que se poda reutilizar e escribe e/ou debuxa que novo uso lle darías.


Esperamos que vos gusten as actividades, e lembrade que estaríamos encantadas de que compartirades connosco as actividades a través do correo electrónico: aulainfantilsalvador@gmail.com 

Moitos bicos e abrazos para todos e todas, botámosvos moito de menos!!


lunes, 13 de abril de 2020

Feliz luns familias!

Hoxe queremos traervos unha sorpresa chegada directamente dende Italia!! Lembrades o video que fixemos explicando diferentes comidas e postres do país sobre o que nos tocou investigar?... Atentos/as!





E agora, por que non facer unha destas receitas na casa? Podedes probar a elaborar a que vos tocou explicar no video ou calquera outra que vos guste!! Queda á vosa elección!

Tamén podedes compartir con nós o resultado a través de fotos, vídeos... a nós seguro que se nos fará a boca auga.

Esperamos que pasárades uns días o máis amenos e lúdicos posible e, xa sabedes, a partir de hoxe voltamos á rutina con máis actividades para vós!

Un biquiño e unha aperta! Vémonos en breve! #euquedonacasa#todosairáben

jueves, 2 de abril de 2020

OLA DE NOVO FAMILIAS!!


Hoxe traémosvos novas propostas de actividades, co fin de facervos máis amenos estes días e que os nenos e nenas poidan continuar coa rutina escolar na medida do posible.

Por iso, e como hoxe é xoves, día de préstamo de contos, imos a facer unha serie de actividades a partir do conto de Leotolda, para acceder a el non tedes máis que buscar en Google "cuento Leotolda pdf".

Así mesmo, enviámosvos tamén o enlace a youtube para que os nenos e nenas poidan bailar e disfrutar coa canción do conto: https://m.youtube.com/watch?v=t8RIgLvaDoI   

Despois da lectura do conto, propoñémosvos estas actividades por idades:




Para os nenos e nenas de tres anos:
  • Debuxa a Leotolda tendo en conta os seus atributos: GRANDE, REDONDA e de MOITAS CORES.
  • Agora toca MOVER A LINGUA: pensa en palabras que comecen polo mesmo son /L/ e exprésaas en voz alta. 
  • Trata de compoñer o nome de "LEOTOLDA" facendo as letras con diferentes materiais (plastilina, pasta, lentellas, arroz...).



Para os nenos e nenas de 4 anos: 
  • Debuxa a LEOTOLDA e aos seus amigos TUTO, CATALINA E KASPER tendo en conta os seus atributos e cores.
  • Xogo de EXPRESIÓN ORAL: Busca diferentes especies de DINOSAUROS e pronuncia o seu nome.
  • Escribe o nome da protagonista do conto e dos seus amigos, e busca outras palabras que comecen pola mesma inicia /L/, /T/, /C/ e /K/.



Para os nenos e nenas de 5 anos:
  • Inventa un final para este conto e debúxao.
  • Xogo das PALABRAS ENCADEADAS: Coa compañía dun neno máis maior ou adulto, pensa unha palabra que comece pola mesma letra que Leotolda, logo o teu compañeiro de xogo buscará unha que comece pola última letra de Leotolda (exemplo: LÚA, AVÓ, OSO...). Pódese facer con dous ou máis xogadores!
  • Trata de escribir o final que inventache para o conto.

Pero isto non é todo, como temos por diante as vacacións de Semana Santa, deixámosvos outras propostas máis para xogar cos números...Lembrade que podedes facer a que máis vos guste e mellor se vos adapte e, por suposto, coas modificacións e adaptacións que queirades! 

Aquí vai outro reto: 



Precisamos UN ROLO DE PAPEL HIXIÉNICO, moitos BOTÓNS DE DIFERENTES CORES, un ROTULADOR e unha PIZARRA (ou papel).


Proposta para os nenos e nenas de tres anos:

  • XOGAR e EXPLORAR LIBREMENTE os BOTÓNS (facer composicións, debuxos...).
  • Clasificar os botóns por cores.
  • Coa nosa axuda, debuxamos trazos sinxelos na pizarra (liñas, ondas, letras...) e os nenos/as tratarán de repasalas colocando os botóns enriba das liñas.
  • Coller cinco anaquiños de papel hixiénico e escribir en cada un os NÚMEROS DO 1 AO 5. Collemos un número e os peques deben colocar debaixo TANTOS BOTÓNS COMO INDICA O NÚMERO.
  • Podemos colocar botóns por toda a pizarra e con cada número ir facendo COLECCIÓNS (exemplo rodear de 2 en 2, de 3 en 3...).



Proposta para os nenos e nenas de catro anos:

  • XOGAR e EXPLORAR LIBREMENTE os BOTÓNS (facer composicións, debuxos...).
  • Debuxamos TRAZOS SINXELOS na pizarra (ondas, letras...) e os nenos/as tratarán de repasalas COLOCANDO BOTÓNS enriba das liñas.
  • Coller 10 anaquiños de papel hixiénico e escribir en cada un (coa nosa axuda se a precisan) os NÚMEROS DO 1 AO 10. Collemos un número e deben colocar debaixo TANTOS BOTÓNS COMO INDICA O NÚMERO.
  • Podemos colocar botóns por toda a pizarra e con cada número ir facendo COLECCIÓNS (exemplo rodear de 2 en 2, de 3 en 3...).


Proposta para os nenos e nenas de 5 anos:

  • Debuxamos LABIRINTOS na pizarra (con liñas, ondas, letras...) e logo repasámolas colocando botóns enriba das liñas. Podems colocar os botóns FORMANDO SERIES (por cor, tamaño ou forma dos botóns).
  • Colocamos UN BOTÓN e facemos un debuxo na pizarra integrando o botón como parte do debuxo.
  • Collemos 10 anaquiños de papel hixiénico e escibimos en cad un os NÚMEROS DO 1 AO 10. Collemos un número e deben colocar debaixo TANTOS BOTÓNS COMO INDICA O NÚMERO.
  • Colocamos os NÚMEROS ORDENADOS do 1 ao 10, sacamos un número e deben descubrir CAL FALTA, buscar números MÁIS PEQUENOS e MÁIS GRANDES, buscar o ANTERIOR e o SEGUINTE...



Sabemos que son moitas actividades, pero temos por diante unhas pequenas vacacións así que dispoñedes de moitos días para facer todas estas actividades, e nós volveremos o día 13 de abril con novas propostas! 

Agardamos que disfrutedes destes días, dentro das posibilidades e que sigades co mesmo ánimo como ata agora!

Gustarianos recordar aos nosos nenos e nenas que aínda que non estamos no cole estes días, non nos esquecemos dos vosos aniversarios, polo que lles dicimos un PARABÉNS MOI GRANDE para MARÍA e para ALEXANDRE, así como para RYAN e DANIEL que estarán de cumple nestas vacacións! E recordarvos que á VOLTA o CELEBRAREMOS AO GRANDE!!! 



Moitos bicos para todos/as e seguimos botándovos moitísimo de menos!! 

Seguide FACÉNDOO ASI DE BEN, QUEDANDO NA CASA, COIDÁNDOVOS e COIDANDO AOS NOSOS! Sentímonos SÚPER ORGULLOSAS de vos!!!

TODO VAI SAÍR BEN!!!!